Preto de 7.000 persoas inscribíronse en Corresponsables, o plan da USC para asimilar hábitos de vida saudables

Un total de 6.690 participantes de ata 16 anos inscribíronse, entre os meses de novembro e marzo, no plan Corresponsables co que a USC ofrece á rapazada galega novas actividades físico-deportivas coas que asimilar pautas de vida activa e hábitos saudables a través de propostas que combinan formación e entretemento. Esta iniciativa que naceu ao abeiro dun convenio de colaboración coa Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a través da Secretaría Xeral para o Deporte e as tres universidades, para o desenvolvemento do Plan Corresponsables promovido pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e polo Ministerio de Igualdade, xa logrou superar na USC as 600 horas de actividades coa vontade de fomentar, con perspectiva de xénero, a conciliación familiar.
“Este plan pretende deseñar sistemas integrais de coidado desde unha perspectiva de xénero, interseccional e de dereitos humanos que promovan a corresponsabilidade entre mulleres e homes”, explica o delegado do reitor para o Deporte, Javier Rico. Baixo esta premisa, Corresponsables rexistrou un total de 8.056 inscricións en actividades, cifra que evidencia a boa acollida do programa xa que “bastantes persoas repetiron”, engade Javier Rico. En total, inscribíronse 4.911 familias en actividades espalladas por corenta concellos galegos.
Medio cento de actividades
As case medio cento de propostas dirixidas por preto de 120 monitores foron "Barco Dragón" en familia, Aula aberta de Judo, Aula aberta de Judo Nadal 2022, Campus Raid Gallaecia, DANCE KIDS, Danzas do Mundo, Duatlón Cros Promoción, Encesta con Nós, Formación en igualdade no deporte, Hip hop con Star Dance, I Xornadas balonmán alevín mixto, II Encesta con Nós, Iniciación á Escalada, Iniciación aos deportes alternativos, Iniciación ás Danzas Urbanas, Iniciación multideportiva - É Sport Ti, Iniciación raid orientación, Ioga, Masterclass de ximnasia rítmica Quicela, Masterclass de ximnasia rítmica Star Dance, Masterclass en familia de hip hop con Star Dance, Masterclass Hip-Hop con Dani Suárez, Masterclass ZUMBA, Móvete con equilibrio, Multiaventura Corresponsable, Proba a túa forza, Psicomotricidade e movemento, RCP/Primeiros auxilios, Ruta dos Fornos, Sprintiño en familia, Xincana Deportiva no Rural, Xogando ás probas combinadas, Xogos cooperativos: cohesión grupal e traballo en equipo, Xornada Atletismo Corresponsables, Xornada de Parkour e Breaking, Xornada de portas abertas de ximnasia de trampolín, Xornada de tecnificación de fútbol, Xornada participativa de baloncesto, Xornadas de promoción da ximnasia acrobática e Xornadas de xogos tradicionais.
Durante meses, as actividades, de carácter gratuíto, desenvolvéronse en horario extraescolar, “ben polas tardes despois do colexio ou incluso nas fins de semana”, matiza Javier Rico, coa participación nalgún caso dos proxenitores “xa que tamén é importante xerar unha oferta que permita que as propias familias teñan dinamismo coa rapazada”. O delegado do reitor para o Deporte destaca tamén que a porcentaxe de participación por xénero tamén se distribuíu en termos de equilibrio.
Convenio
A sinatura do convenio tiña por finalidade a habilitación de coidados a través de actividades de animación socio deportiva, eventos deportivos, obradoiros, campionatos e exhibicións. Tamén se podían desenvolver accións formativas sobre hábitos de vida saudables, primeiros auxilios no contexto deportivo, nutrición, violencia e igualdade no deporte entre outros temas de interese, sempre que xeren accións e actividades tendentes a favorecer a conciliación das familias con rapazada de ata 16 anos de idade, dende un enfoque de igualdade entre mulleres e homes.
Ademais, a USC contou con representación de todos os colectivos aos que o convenio presta especial atención: familias monomarentais e monoparentais, mulleres en situación de desemprego de longa duración, mulleres maiores de 45 anos ou a unidades familiares nas que existan outras cargas relacionadas cos coidados e vítimas de violencia de xénero e doutras formas de violencia contra a muller.