Ir o contido principal

A primeira Feira da Biotecnoloxía instalouse este luns na ETSE

Organizárona a profesora Trinidad de Miguel e alumnos da materia 'Fundamentos de Biotecnoloxía Industrial'

A profesora Trinidad de Miguel xunto a estudantes da materia ‘Fundamentos de Biotecnoloxía Industrial’ organizan este luns 18 na Escola Técnica Superior de Enxeñaría a 1º Feira da Biotecnoloxía. Nela, nove grupos de estudantes difundirán información mediante pósteres, trípticos e pequenas instalacións sobre diferentes procesos nos que a biotecnoloxía xoga un papel destacado.
A fermentación de vexetais, lácteos, a produción de biogás ou a compostaxe, entre outros, son o fío condutor elixido desta feira. Así, un dos grupos producirá choucrout do xeito tradicional e explicando a interacción que se produce entre un repolo e os diferentes ingredientes do proceso. Ademais dunha degustación, os alumnos teñen preparado outras mostras de fermentación vexetal.
O caso dos lácteos é o tema doutra das presentacións expostas, en base a maquetas sobre fabricación de queixo, iogur ou manteiga. Ademais, os alumnos producirán iogur explicando o papel das bacterias lácteas neste proceso.
Completando a sección dedicada aos procesos de fermentación, presentaranse propostas alternativas e darase conta deste proceso no té, no café e no cacao. Ademais, a través de diversos pósteres informativos e dun ‘trivial’, explicarase a fabricación de viño e de cervexa. Este apartado inclúe tamén unha cata cega de diferentes tipos de cervexa o que permitirá dar conta das diferenzas no proceso de produción.
A Feira vai dispor tamén dunha instalación simple na que se producirá biogás por dixestión anaerobia de residuos, así como un alambique para explicar a elaboración do augardente e unha unidade de compostaxe, nun recipiente de vidro, para mostrar as diferentes fases deste proceso. Finalmente, os visitantes poderán atopar unha instalación para a extracción de ADN vexetal e información sobre plantas e animais transxénicos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.01.2010.