Ir o contido principal

O profesor Ernesto González Seoane tomou posesión do seu cargo como decano de Filoloxía

O reitor da USC, Senén Barro, presidiu este venres 4 o acto protocolario de toma de posesión do decano da Facultade de Filoloxía, Ernesto González Seoane, nunha sesión celebrada no Salón de Graos do Colexio de San Xerome.
O profesor Ernesto González Seoane resultou reelixido decano nunha Xunta de Centro celebrada o pasado mes de abril na que acadou 99 votos a favor, habendo 18 en branco e un nulo. Para os vindeiros catro anos, o equipo decanal deste centro estará conformado ademais por Juan Casas Rigall e María José López Couso como vicedecanos, e José Carracedo Fraga como secretario.
Ernesto González salientou que a Facultade de Filoloxía está enfrontando un “profundo proceso de reformas” das súas titulacións, desenvolvéndoo “con espírito realista, con gran responsabilidade e con sentido institucional”. Neste senso lamentou o ambiente no que se está a producir a mencionada reforma, polo “permanente cuestionamento mediático que non sempre somos quen de contrarrestar”, e que na súa opinión fai que a reforma de Filoloxía semelle a “clave de bóveda” da reforma universitaria.
A consideración social existente cara aos estudos literarios e da lingua foi outro dos argumentos esgrimidos polo decano na súa intervención. Neste senso cualificou de “decepcionante” a indiferenza con que son mirados os estudos literarios, e mesmo a literatura, coa única excepción dalgunhas manifestacións “de dimensión máis ben espectacular ou mediática”. Engadiu o profesor González Seoane que “non deixa de ser paradoxal” que nun contexto como o actual, marcado pola globalización e polos procesos de converxencia e integración internacionais, a oferta de linguas e culturas estranxeiras no ensino secundario sexa “tan raquítica”.
O decano tamén fixo un chamamento ás autoridades universitarias para conseguir ampliar a oferta de linguas estranxeiras no ensino non-universitario, medida que “seguramente se traduciría nun incremento da demanda dos estudos filolóxicos”, aínda que “isto só ten unha importancia relativa”, porque o realmente valioso sería que constituiría “un valioso servizo ao país”.
Ernesto GonzálezLicenciado en Filoloxía Hispánica pola USC, Ernesto González Seoane (O Barqueiro, 1962) é premio extraordinario de Doutoramento e profesor de Filoloxía Galega. O seu traballo investigador oriéntase ao campo da Lexicografía e ao da estandarización da lingua galega. Neste eido dirixiu o Dicionario de dicionarios do galego medieval.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.07.2008.