O profesor Pablo Ángel Meira Cartea será investido doutor honoris causa pola Universidade Veracruzana

O profesor Pablo Ángel Meira Cartea será investido doutor honoris causa pola Universidade Veracruzana (México) a proposta das xuntas académicas do Centro de Ciencias da Terra (CCT) e do Instituto de Investigacións en Educación da universidade mexicana. O docente da USC foi designado, por maioría de votos, en recoñecemento ao seu traballo na creación e difusión de instrumentos educativos de libre acceso para as persoas educadoras cun enfoque crítico, promovendo unha visión comprensiva da crise ecolóxica actual e a súa vinculación con outros problemas sociais.
O coordinador do CCT, Carlos Welsh Rodríguez, describiuno como un pioneiro en investigar sobre a educación ambiental, a súa vinculación coa sustentabilidade e, particularmente, sobre a emerxencia climática, tarefa que realiza dende a década dos 90. Salientou tamén a achega multi e interdisciplinar dos seus traballos científicos e das ligazóns que Pablo ten coa UV dende hai máis dunha década, participando con asesorías e en eventos diversos, polo cal a súa postulación foi apoiada pola Facultade de Pedagoxía (rexión Xalapa) e o Instituto de Investigacións e Estudos Superiores Económicos e Sociais desta universidade.
Pablo Ángel Meira Cartea
Doutor en Filosofía e Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela, foi premio extraordinario de doutoramento na Facultade de Filosofía e Ciencias da Educación e Premio María Barbeito á Investigación Pedagóxica pola investigación Proxecto Fénix. Proceso de diagnóstico e actualización da Estratexia Galega de Educación Ambiental.
Docente na Universidade de Santiago de Compostela desde 1989, a súa actividade investigadora encádrase dentro do grupo Grupo SEPA Interea, de Excelencia Investigadora en Ciencias Sociais, liderando diferentes proxectos de I+D.