O profesor Ronald Oaxaca, referencia internacional no estudo da discriminación no mercado de traballo, inaugura este xoves as IX Xornadas de Economía Laboral

Os maiores expertos españois na análise económica do mercado de traballo e economistas internacionais de recoñecido prestixio reúnense esta semana en Santiago nas IX Xornadas de Economía Laboral, que se desenvolverán entre o 7 e o 8 de xullo na Escola Universitaria de Relacións Laborais. A inauguración do encontro terá lugar este xoves ás 9:30 horas e nela participarán a vicerreitora de Economía e Infraestruturas da USC, Sara Cantorna Agra; o director xeral de Relacións Laborais da Consellaría de Traballo, Odilio Martiñá Rodríguez; o coordinador do comité organizador, o profesor da USC Roberto Bande; a presidenta da Asociación Española de Economía do Traballo, a profesora da Universidade de Valencia Rosario Sánchez Pérez; e o director da Escola Universitaria de Relacións Laborais da USC, Juan José Ares Fernández. O profesor da Universidade de Arizona Ronald Oaxaca, unha das máximas autoridades na análise da existencia de discriminación no mercado de traballo, especialmente no tocante a discriminación salarial, será o encargado de pronunciar, ás 10.00 horas na Escola Universitaria de Relacións Laborais, a conferencia inaugural titulada ‘Capital humano e discriminación no mercado de traballo: é realmente o capital humano a diferenza explicada?’. A continuación terán lugar diversas sesións paralelas centradas en temáticas como a inmigración, o emprego ou o desemprego. O encontro está organizado pola Asociación Española de Economía do Traballo (AEET), o Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega) e o Grupo de Análises e Modelización Económica (GAME) da Universidade de Santiago. As Xornadas de Economía Laboral desenvólvense cada dous anos pretendendo ser un foro de discusión e debate entre expertos na análise económica do funcionamento do mercado de traballo. Nesta novena edición participarán recoñecidos economistas españois especializados en diversas temáticas, que van desde os procesos migratorios, os efectos sobre o mercado laboral do envellecemento da poboación, a reforma dos procesos de negociación colectiva ou a existencia de discriminación de diversos colectivos, como mulleres ou xente nova.