O profesor da Universidade Denis Diderot-Paris 7, Miguel Bermúdez, ofrece unha nova conferencia do Seminario 'Vidal Abascal'
O profesor da Universidade Denis Diderot-Paris 7 e antigo alumno da USC, Miguel Bermúdez, protagoniza este xoves 11 unha nova sesión do seminario ‘Vidal Abascal’ que organiza o Departamento de Xeometría e Topoloxía. O profesor Bermúdez pronunciará a conferencia titulada ‘Como a característica de Euler clasifica (tamén) as foliacións por superficies’, nunha sesión que comezará ás 16:30 horas na Aula 7 da Facultade de Matemáticas.
O obxectivo da charla é mostrar como utilizar o invariante numérico de Euler, dato que transmite unha gran cantidade de información tanto dinámica como xeométrica, para clasificar as laminacións medibles por superficies.
Os números de vértices V, aristas E e caras F dun poliedro convexo están relacionados pola fórmula V – E + F = 2, descuberta por Euler e Descartes. No caso das superficies compactas, Poincaré mostrou unha fórmula similar, substituíndo o número 2 polo número de Euler da superficie. De feito, o número 2 é o número de Euler da esfera. Un dos resultados máis coñecidos da topoloxía é a clasificación das superficies compactas polo seu número de Euler, razón pola que se coñece tamén como característica de Euler. As laminacións de sólidos por superficies son unha xeneralización natural das superficies compactas. A noción de característica de Euler foi introducida neste contexto por Alain Connes (Medalla Fields 1982) a finais dos anos 70 do século pasado.
O seminario ‘Vidal Abascal’O seminario, que viña funcionando en cursos anteriores baixo a denominación de Seminario do Departamento de Xeometría e Topoloxía grazas á participación de investigadores nacionais e estranxeiros, cambia o seu nome en homenaxe ao profesor Enrique Vidal Abascal, partícipe fundamental na creación do citado Departamento e da Facultade de Matemáticas da USC, onde ocupou o cargo de director e decano, respectivamente, ademais de ser unha figura emblemática da matemática galega actual.