Ir o contido principal

A profesora do Instituto de Ciencias Forenses Elena Lendoiro, elixida membro do comité científico da Society of Hair Testing

Elena Lendoiro intervindo nun congreso científico
Elena Lendoiro intervindo nun congreso científico
Trátase dunha organización científica de referencia internacional dedicada ao desenvolvemento e estandarización das análises toxicolóxicas en cabelo

A profesora de Toxicoloxía do Instituto de Ciencias Forenses da Universidade Santiago Elena Lendoiro Belío acaba de ser elixida membro da Board da Society of Hair Testing (SOHT). O nomeamento tivo lugar durante o congreso anual celebrado en Londres a pasada semana.

A SOHT é unha organización científica de referencia internacional dedicada ao desenvolvemento e estandarización das análises toxicolóxicas en cabelo, unha ferramenta clave na investigación forense. O Board desta sociedade é o órgano responsable de coordinar, establecer e actualizar os criterios científicos para a interpretación das análises de drogas de abuso e fármacos en mostras capilares. Estes criterios son fundamentais para abordar con rigor casos de alta sensibilidade como a submisión química, e o seguimento cronolóxico do consumo de substancias en contextos forenses.

A elección de Elena Lendoiro como membro do Board recoñece a súa traxectoria científica e a súa contribución á toxicoloxía forense no ámbito estatal e internacional e supón ademais un importante apoio ao labor investigador que se desenvolve no Instituto de Ciencias Forenses da USC e reforza a súa proxección internacional.
 

Elena Lendoiro co profesor López-Rivadulla na Royal Society
Elena Lendoiro co profesor López-Rivadulla na Royal Society
Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.06.2025.