A profesora Mª Isabel Fraga recibiu a Insignia de Ouro da USC

O reitor Juan Viaño impuxo a Insignia de Ouro da Universidade de Santiago á profesora e ex directora do Museo de Historia Natural da USC (MHN) Mª Isabel Fraga Vila. A sesión contou ademais coa intervención da vicerreitora de Investigación e Innovación Mª Isabel Rodríguez-Moldes Rey que realizou unha laudatio da docente homenaxeada, “cuxa pegada e bo facer impregna todo Museo”.
A profesora Fraga “é e será sempre memoria desta universidade” afirmou o reitor Juan Viaño no discurso pronunciado este venres en San Xerome logo de impoñerlle formalmente a Insignia á homenaxeada. O reitor relatou a implicación de Mª Isabel Fraga nas distintas etapas vividas polo Museo de Historial Natural nas últimas décadas ata convertelo nun museo “único na nosa comunidade”, “porque grazas a que creu no proxecto do Museo de Historia Natural da USC, grazas que o fixo ‘seu’, ao seu traballo, dedicación e, sobre todo, ilusión, o que era un proxecto non exento de dificultades hoxe é unha realidade a compartir coa sociedade, un tesouro do que gabarnos orgullosos como institución”.
O MHN é en opinión do reitor “un proxecto vivo, que acoller exposición temporais sobre temáticas concretas; un museo que organiza talleres para os máis novos, para espertar vocacións; un centro que lidera e se integra en proxectos de divulgación científica achegando as ciencias da natureza e da vida á sociedade e dando a coñecer o labor da Universidade nestes ámbitos”.
Máis alá do importante traballo realizado arredor do MHN, Viaño aludiu igualmente ás iniciativas realizadas pola profesor Fraga para a posta en valor e concienciación sobre o patrimonio natural propio e no inventariado do patrimonio florístico dos xardíns da cidade así como na coordinación dos itinerarios verdes por espazos da USC. “Resulta polo tanto incuestionable o compromiso da profesora Fraga coa nosa Universidade”, afirmou o reitor en relación á exposición de méritos da docente homenaxeada.
Logo de recibir a Isignia, Mª Isabel Fraga agradeceu o recoñecemento da institución académica a unha vida dedicada á docencia, á investigación e á divulgación científica na USC e particularmente polo labor no MHN, “sempre tiven moi claro que a USC ten un museo único dentro das universidades españolas, que ben merece todos os esforzos que poidamos facer para conservalo e tamén para melloralo”. Boa parte da súa intervención foi un relato exhaustivo das persoas e acontecementos vinculados ao desenvolvemento do MHN nas últimas dúas décadas con verbas de especial agradecemento a quen axudou persoalmente a poñer en marcha o novo edificio do MHN.
Dende a posta en marcha do novo edificio, en outubro de 2014, o Museo ten recibido a aproximadamente 65.000 persoas, entre visitantes das distintas exposición acollidas e participantes nas distintas actividades de divulgación.
Mª Isabel Fraga
A Insignia de Ouro da institución académica compostelá concédea o reitor a aquelas persoas que sobresaian dun xeito especial nos servizos prestados á institución. Nesta ocasión, a imposición recoñece a traxectoria académica da profesora titular de Botánica Mª Isabel Fraga e particularmente o seu labor á fronte do Museo de Historia Natural do que foi directora entre 2006 e 2017 e vicedirectora entre 2000 e 2006. Neste posto, as súas principais liñas de traballo foron dar a coñecer o importante valor das coleccións que constitúen o patrimonio do museo, divulgar as ciencias naturais e achegalas ao conxunto da sociedade e contribuír a incrementar a dimensión do museo nas súas diversas facetas.
Profesora titular de Botánica na Facultade de Bioloxía dende 1976, como investigadora é autora de aproximadamente 80 publicacións científicas e investigadora principal ou membro do equipo de proxectos financiados en convocatorias públicas de ámbito europeo, nacional e autonómico, así como de contratos con empresas e administracións públicas.