Ir o contido principal

A profesora Teresa Fanego, premiada pola Asociación Española de Lingüística Aplicada

Teresa Fanego foi catedrática de Filoloxía Inglesa e, dende 2018, é profesora emérita
Teresa Fanego foi catedrática de Filoloxía Inglesa e, dende 2018, é profesora emérita
O Premio de Investigación 2021 para Investigadores/as Experimentados/as recoñeceu o volume ‘Corpus-Based Research on Variation in English Legal Discourse’
Santiago de Compostela

A Asociación Española de Lingüística Aplicada (AESLA) acaba de outorgar á profesora Teresa Fanego o Premio de Investigación 2021 para Investigadores/as Experimentados/as, polo volume Corpus-Based Research on Variation in English Legal Discourse, co-editado con Paula Rodríguez Puente da Universidade de Oviedo, e publicado pola editorial holandesa John Benjamins. O galardón foille entregado na asemblea anual de socios celebrada durante o XXXVIII Congreso Internacional de AESLA. Os Premios de Investigación AESLA, creados en 1998 e acompañados dunha dotación económica, recoñecen aqueles traballos que contribúan de modo destacado ao avance teórico e metodolóxico no ámbito dos estudos lingüísticos.

O volume polo que foi premiada Teresa Fanego toma como punto de partida a súa experiencia na compilación do CHELAR (1535–1999), un corpus computarizado de textos legais con múltiples aplicacións para a investigación sobre o discurso especializado e a lingüística diacrónica. O primeiro capítulo do volume expón o crecente interese, durante os últimos trinta anos, pola linguaxe legal e xurídica, así como os retos aos que se enfronta o seu estudo. Os dez capítulos restantes, a cargo de especialistas de relevancia internacional como Douglas Biber e Randi Reppen (Universidade de Northern Arizona), Ruth Breeze (Universidade de Navarra), Claudia Claridge (Universidade de Augsburgo), Giuliana Diani (Universidade de Módena e Reggio Emilia), Stanisław Goźdź-Roszkowski (Universidade de Łódź), Bethany Gray (Universidade de Iowa), Jack Grieve (Universidade de Birmingham), Cristina Lastres (Universidade de Sevilla) e Anu Lehto (Universidade de Helsinqui), desenvolven algunhas das propostas de análises esbozadas no capítulo introdutorio.

Teresa Fanego foi catedrática de Filoloxía Inglesa e, dende 2018, é profesora emérita. Directora de 27 teses doutorais e numerosos proxectos de investigación financiados, foi presidenta (2019–2020) da Societas Linguistica Europaea e coordina o grupo de investigación Variación, Cambio Lingüístico e Gramaticalización, no ámbito da Lingüística Inglesa. É asemade a responsable da rede English Linguistics Circle, que engloba a cinco grupos de referencia competitiva e potencial de crecemento da USC e a UVigo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.04.2021.