Ir o contido principal

Os profesores Sebastián Villasante e Jacobo Feás participan nun novo proxecto que busca un uso máis xusto dos océanos

Contribuír a un uso máis xusto e sostible do océano é o obxectivo final do novo proxecto SURPRISES. Foto: Santi Alvite
Contribuír a un uso máis xusto e sostible do océano é o obxectivo final do novo proxecto SURPRISES. Foto: Santi Alvite
A participación dos dous profesores da Facultade de ADE de Lugo sitúa a USC como unha das referencias europeas na investigación sobre gobernanza mariña e transformacións sostibles
Lugo

Contribuír a un uso máis xusto e sostible do océano é o obxectivo final do novo proxecto SURPRISES no que participan o profesor e investigador distinguido de CRETUS Sebastián Villasante e o profesor Jacobo Feás, ambos da Facultade de ADE do Campus de Lugo. Esta colaboración permite seguir situando a USC como unha das referencias europeas na investigación sobre gobernanza mariña e transformacións sostibles.

No proxecto SURPRISES, que comeza o 1 de abril de 2026 cunha duración de tres anos e financiamento de Biodiversa, tamén participan o CNRS (Francia), o centro de resiliencia (Suecia), e o Global Change Institute, Wits University (Sudáfrica).

O cometido principal é anticipar e comprender os puntos de non retorno nos ecosistemas costeiros e mariños, coa análise de riscos e oportunidades asociados ás transformacións necesarias para acadar océanos sostibles e xustos e ponendo o foco este caso nas cuncas oceánicas africanas. Para iso, o consorcio internacional de SURPRISES (Building anticipatory governance of social-ecological tipping points in transformative change planning for ocean sustainability) desenvolverá visóns de futuro e vías de acción en colaboración directa con comunidades locais, organizacións sociais e tomadores de decisións, aplicando enfoques innovadores de gobernanza anticipatoria e participación cidadá.

As actividades abranguerán dende talleres de co-creación de visións con actores locais ata o desenvolvemento de modelos de interacción entre sistemas humanos e naturais que permitan avaliar escenarios e accións de gobernanza a distintas escalas.

Trátase ademais de promover decisións informadas que teñan en conta tanto a protección dos ecosistemas como o benestar das persoas. Deste xeito, SURPRISES pretende apoiar políticas públicas e estratexias de gobernanza que permitan avanzar cara a futuros oceánicos máis seguros, equitativos e sostibles.

Como resultado, agárdase que o proxecto xere recomendacións de política pública, ferramentas de seguimento temperán e novas capacidades locais para previr impactos irreversibles nos ecosistemas mariños, mellorar o benestar das comunidades costeiras e apoiar a consecución de obxectivos internacionais como os ODS, o Marco Mundial da Biodiversidade ou a UN Ocean Decade. 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.12.2025.