Ir o contido principal

O programa 'Democratización e Camiños do coñecemento' levou o saber universitario a 22 concellos

A clausura presidiuna a vicerreitora Pilar Murias (no centro). Foto: Santi Alvite
A clausura presidiuna a vicerreitora Pilar Murias (no centro). Foto: Santi Alvite
Participaron 645 estudantes de municipios das catro provincias galegas, que asistiron a sesións docentes teóricas e prácticas complementadas con obradoiros e visitas

A vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, presidiu este mércores o acto de clausura do programa Democratización e Camiños do Coñecemento que se desenvolveu no marco do Programa Universitario de Maiores IV Ciclo da USC, orientado a persoas maiores de 50 anos. No evento participou estudantado dos diversos concellos galegos acompañado polas súas autoridades locais.

A vicerreitora estivo acompañada pola tenente de alcaldesa de Santiago, Pilar Lueiro; a subdirectora xeral de Envellecemento Activo da Xunta de Galicia, Eloína Núñez; a directora do Programa Universitario de Maiores, Esther Oliveira, e o estudante do concello de Padrón Enrique Basadre.

O Programa Democratización e Camiños do Coñecemento é un programa presencial de dinamización e de envellecemento activo que se desenvolvemento nos municipios con menores posibilidades de acceso aos campus universitarios. Trátase dun programa interdisciplinar onde están presentes as tres grandes áreas do coñecemento: humanística, científica e artística pondo en valor o patrimonio material e inmaterial de cada localidade.

A situación da poboación galega no rural tanto pola súa dispersión como pola dificultade de acceso aos campus universitarios vese aliviada con esta iniciativa no contexto rural e semiurbano galego. Deste xeito, o programa busca favorecer a democratización do coñecemento a través dunha metodoloxía de corte participativo e aberta, onde docentes da USC desenvolven dúas sesións de docencia, unha teórica na que se pretende favorecer o diálogo e participación das persoas asistentes e unha práctica cunha actividade de visita guiada ou obradoiro.

No curso 2023-2024 participaron en total 645 estudantes que asistiron a sesión desenvolvidas nos concellos de Arzúa, Muros, Noia, O Pino, Ordes, Outes, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Teo e Vedra na provincia da Coruña; Mondoñedo, Monforte de Lemos, Monterroso; Sober e Xermade na provincia de Lugo; Xinzo de Limia na provincia de Ourense; e A Estrada, Cambados e Vilagarcía de Arousa na provincia de Pontevedra.

Autoridades locais e público asistente á clausura. Foto: Santi Alvite
Autoridades locais e público asistente á clausura. Foto: Santi Alvite
No curso 2023-2024 participaron en total 645 estudantes. Foto: Santi Alvite
No curso 2023-2024 participaron en total 645 estudantes. Foto: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.12.2024.