O programa de micromecenado Sumo Valor capta fondos para o Fondo de Cooperación Internacional da USC
A USC abre unha nova campaña de micromecenado Sumo Valor para dotar o seu Fondo de Cooperación Internacional. Este fondo ten como obxectivo contribuír ao mantemento do Programa de Axudas a Persoas Refuxiadas procedentes de Palestina e outras zonas de conflito. A USC mantén este programa de xeito ininterrompido dende o curso 2016-2017. O programa dota axudas de doce meses de duración para estudantes de grao, mestrado e doutoramento procedentes de Palestina, Ucraína e outras zonas en conflito. As axudas proporciónanlles ás persoas beneficiarias cobertura total dos gastos de matrícula para un curso académico, unha asignación mensual para gastos de mantenza, aloxamento gratuíto no Sistema Universitario de Residencias da USC e a matrícula en dous cursos semestrais de galego ou español no Centro de Linguas Modernas.
Ata o curso 2021-2022 este programa ofrecía dúas axudas por curso académico. O número das axudas incrementouse substancialmente dende o curso 2022-2023 para dar resposta aos conflitos de Ucraína e Palestina, cun investimento que supera os 100.000 euros por curso académico. No presente curso o programa beneficia a un total de 12 estudantes, procedentes de Palestina, Ucraína, Siria, Líbano e Irán.
“O Programa de Axudas a Persoas Procedentes de zonas en conflito é unha proba palpable do compromiso da USC coa cooperación internacional”, destaca a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso. “Se ben a USC participa noutros programas de cooperación internacional, como o programa Learn Africa, en colaboración coa Fundación Mujeres por África, e as bolsas da Fundación Carolina, estamos especialmente satisfeitos deste programa de axudas para estudantes procedentes de zonas en conflito, xa que se trata dunha convocatoria propia da USC que está servindo de modelo a outras universidades do estado”, engade López Couso.
Como facer doazóns
No ano 2019 a USC puxo en marcha o programa Sumo Valor, un instrumento de micromecenado ou microdoazón que reforza a conexión da USC coa sociedade, facéndoa partícipe do desenvolvemento da investigación e do coñecemento xerado dende a universidade, así como das súas accións de cooperación.
Enténdese por micromecenado ou microdoazón a liberalidade ou dación dunha cantidade monetaria ou dun ben, tanxible ou intanxible, sempre que a cantidade ou o valor do ben non supere os 3.000 euros. As achegas ao Fondo Sumo Valor realízanse a través dun formulario accesible desde o web e contan con exencións fiscais.