Ir o contido principal

O programa de micromecenado da USC Sumo Valor leva recadados 225.000 euros dende a súa posta en funcionamento en 2019

A través do instrumento do micromecenado ou microdoazón logra fortalecerse a conexión da USC coa sociedade
A través do instrumento do micromecenado ou microdoazón logra fortalecerse a conexión da USC coa sociedade
O límite dunha achega anual por persoa física ou xurídica sitúase nos 3.000 euros e permite acceder a beneficios fiscais
Lugo, Santiago de Compostela

Sumo Valor, o programa de micromecenado da USC que conecta empresas, persoas e institucións coas actividades, proxectos e servizos que ofrece a Universidade, leva recadados dende a súa posta en funcionamento, no ano 2019, 225.000 euros. A través do instrumento do micromecenado ou microdoazón logra fortalecerse a conexión da USC coa sociedade, facéndoa partícipe do desenvolvemento da investigación e do coñecemento xerado dende o eido académico, así como das súas accións de cooperación. O límite dunha achega anual por persoa física ou xurídica para o programa Sumo Valor estableceuse en 3 000 euros e deben realizarse a través dun formulario accesible desde o web do programa, ademais de contar con exencións fiscais.

“Sumo Valor estrutúrase en catro liñas estratéxicas: axudas a persoas procedentes de zonas de conflito, actividades culturais e deportivas, actividades de difusión científica e actividades de investigación”, explica o vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijoo Costa. “De cada unha delas pódense derivar accións ou proxectos específicos con impacto social, económico ou ambiental”, engade. En cada unha das liñas de actuación están definidos os obxectivos, tanto os básicos como os complementarios. 

Ademais, Sumo Valor axústase ás leis de mecenado para garantir os beneficios fiscais para doantes e donatarios. A Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado segue definindo o marco dos beneficios fiscais para persoas físicas e xurídicas. Adicionalmente, cada comunidade autónoma pode ter as súas propias deducións fiscais adicionais, tal e como acontece no caso galego.

“Existen diversos eixos básicos sobre os que ten que pivotar unha iniciativa universitaria de micromecenazgo. O máis importante é crear un clima de confianza dentro e fóra da institución a través da construción dun marco estrutural homoxéneo entre as persoas e empresas doantes e a universidade”, destaca Gumersindo Feijoo. No que vai de ano, xa se recadaron 63.370 euros a través de Sumo Valor e agárdase que nestas datas próximas ao Nadal, nas que se adoita concentrar boa parte das achegas, a cifra se vexa incrementada.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.12.2025.