Ir o contido principal

O programa da Universidade de Verán da USC prosegue coa inauguración de dous novos cursos en Sarria e Santiago

Universidade de Verán da USC 2009

As particularidades de GNU/Linux, paisaxe e comunicación no Camiño de Santiago e o patrimonio natural e desenvolvemento rural no entorno das serras orientais do Camiño, temas dos tres cursos que o vindeiro luns 27 arrancarán en Santiago e en Sarria.
Ubuntu 09Introducir aos asistentes de xeito metódico e exhaustivo nos detalles do funcionamento do GNU/Linux dende o punto de vista do usuario medio, como contraposición aos usuarios avanzados, é o obxectivo do curso de verán ‘Introdución a Ubuntu GNU/Linux (Ubuntu 09)’. A súa inauguración celebrarase o luns 27 a partir das 9:30 horas na Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago.
Con esta iniciativa formativa búscase amosar que o GNU/Linux está “listo para o escritorio”, derrubando o mito de que é un Sistema Operativo soamente para informáticos. Porase énfase en que os participantes rematen o curso cos coñecementos necesarios para poder facer con Software Libre as mesmas tarefas que veñen realizando habitualmente noutras plataformas, para deste xeito axudar a quen que se atope en proceso de migración.
Paisaxe e Comunicación no CamiñoCo título ‘Camiño de Santiago: paisaxe e comunicación’ dará comezo tamén o luns 27 un novo curso na localidade luguesa de Sarria, que conta coa colaboración de Renfe e o Concello da vila. Con este curso preténdese dar a coñecer a ruta xacobea en Galicia, como un espazo de comunicación e cultura e como un elemento definitorio da paisaxe.
O obxectivo desta acción formativa é descubrir o patrimonio arquitectónico e artístico do Camiño de Santiago, como elementos que configuran a súa contorna, fomentar o respecto á natureza e ao desenvolvemento sostible, considerando o coidado do medio ambiente como un valor prezado. O curso permitirá ademais divulgar as características da ruta xacobea como Patrimonio da Humanidade. A súa inauguración está programada para as 11:30 horas no Concello de Sarria.
Patrimonio NaturalTamén en Sarria, no Salón de Actos da Asociación Cultural La Unión ás 18:00 horas, inaugúrase o curso ‘Patrimonio natural e desenvolvemento rural no entorno das serras orientais do Camiño de Santiago en Galicia’. As sesións terán como obxectivo presentar os valores naturais da zona e a súa contribución á Rede Natura 2000.
Neste seminario, dirixido por Elvira Díaz Vizcaíno e José Díaz Fuentes, analizaranse as diferentes alternativas de xestión sostible e desenvolvemento rural, tendo en conta a contribución neste contexto da política sobre o medio rural autonómica.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.07.2009.