Propostas sobre reciclaxe, enerxía solar, xardíns, robots e contos interactivos fanse cos premios do XIV Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras da USC

O XIV Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras premiou este ano cinco iniciativas emprendedoras vinculadas aos eidos da enerxía solar, a reciclaxe, a robótica, as novas tecnoloxías en educación e a difusión do patrimonio natural galego. Os gañadores recibiron este venres o diploma acreditativo e o cheque de 600 euros cos que a USC, a través do programa Uniemprende, recoñece as mellores ideas susceptibles de converterse en proxectos empresariais a curto e medio prazo. O acto de entrega presidiuno en San Xerome o reitor Juan Viaño e a el asistiu tamén o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez. Participaron ademais a subdirectora xeral de Promoción da Igualdade da Xunta, Pilar García-Rodeja; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; a vicerreitora de Investigación e Innovación, Isabel Rodríguez-Moldes; a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez; e o director do Programa Uniemprende da USC, Carlos Hernández Sande. ‘Buy and return’ Promovida por Alejandro Cobelo, de Ciencias Económicas e Empresariais, ‘Buy and return’ consiste en incentivar a reciclaxe entre a cidadanía a través dunhas máquinas situadas nos supermercados que, unha vez que se introduza o envase baleiro, devolverá un ticket cunha cantidade de diñeiro para gastar no propio establecemento. O "money back" dependerá da capacidade do envase e da cantidade que devolva. Se ata agora o proceso de reciclaxe de vidro consiste na súa recollida indiscriminada e o transporte ás plantas de tratamento -o que obriga a elaborar novos envases-, o ‘Buy and Return’ promove que o consumidor devolva o envase en perfectas condicións, permitindo así á empresa envasadora un aforro no prezo final do seu produto. galiciangarden.com Pola súa banda, Eva Barcala Pérez, de Historia, pensou nunha empresa de xestión e divulgación dos xardíns galegos a través dunha plataforma dixital plurilingüe (galego, castelán e inglés). Coñecedora de que existen iniciativas semellantes, Barcala apunta que a súa sería “a primeira en Galicia dedicada exclusivamente á difusión e estudo do xardín galego, desenvolvendo novos xeitos de interpretar, conservar e rendibilizar o importante patrimonio xardinístico galego”. Ademais, o principal punto de acceso é un web, promocional e de información, co que aspiran a “ revalorizar o concepto de xardín galego” e a destacalo como feito diferenciador dentro da oferta cultural e turística de Galicia. Versabotic O equipo da Universidade da Coruña (UDC) formado por Ricardo Veira, Gabriel Ferreiro, Javier Lamas, Manuel González Penedo, Marcos Ortega, Alberto Ramil e Armando Yáñez formula unha empresa de I+D+i para o desenvolvemento de aplicacións de visión artificial e software offline que confira versatilidade e multifuncionalidade a robots industriais antropomórficos. A idea xurde da inexistencia dunha oferta de unidades robóticas que se poidan adaptar a procesos industriais con produtos hetereoxéneos, como é o caso, por exemplo, do sector do moble onde cada unha das pezas ao pintar ou barnizar difire, tanto en tamaño como en deseño, da anterior. O proxecto empregaría a tecnoloxía desenvolvida por dous grupos de investigación da UDC para a súa incorporación a robots, dotándoos dunha maior versatilidade e flexibilidade para que sexan utilizados en procesos de produción variable. Contactúa: do conto ao teatro O estudante da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC Pablo Culebras e Ángel Culebras ideou a transformación dun texto dixital nunha obra teatral para incentivar as competencias comunicativas (lectoras, de expresión oral e de uso das TIC) entre os nenos e nenas de Infantil e Primaria, co fin de evitar os malos resultados que demostran cando chegan a cursos máis avanzados. Trataríase de comercializar libros en versión impresa e dixital interactiva para encerados electrónicos dirixidos a alumnado de último ano de Educación Infantil e de 1º e 2º de Primaria. A idea, explica Pablo, permite adaptar unha proposta pedagóxica “moi innovadora no seu tempo (o uso do teatro), pero indo un paso máis aló abarcando todo o proceso de que os nenos e nenas transformen un conto nunha representación teatral, pasando por unha fase de realización de exercicios plásticos” . Células solares híbridas orgánico-plasmónicas Por último, Manuel Gómez, do CIQUS, formula a fabricación barata e rápida de células solares en film empregando tecnoloxías plasmónicas para concentrar a luz solar e reducir o seu tamaño ou aumentar a súa eficiencia por unidade de área e combinación con sistema de captura de enerxía luminosa dos plasmóns por medio de receptores químicos e transferencia e transporte electrónico a través de materiais orgánicos ou híbridos. “Trátase de aproveitar máis a enerxía do sol para producir máis electricidade”, puntualiza González. É innovadora porque emprega dúas tecnoloxías que se complementan, por un lado a plasmónica, asociada á nanoestruturación de metais en capas finas e que permite inxentes concentracións moi localizadas de campo electromagnético en forma de plasmóns, e por outro a fabricación de células orgánicas con tintas condutoras que precisamente sofren de baixa eficiencia pola dificultade para captar enerxía luminosa adecuadamente. 343 ideas Do total de ideas desta edición, un 55 por cento fixérono homes e un 70% estudantes. Por áreas de coñecemento, as ciencias xurídicas e sociais congregaron a maior parte das ideas, o 52 %, seguidas das ensinanzas técnicas (17%), as ciencias humanas (13%), as experimentais co 11% e, por último, as da saúde (7%). Por universidades, a porcentaxe de participación maioritaria correspóndese coa USC (86,54%), seguida de Vigo (10,25%) e A Coruña (3,20 %). Das ensinanzas das que proveñen, Ciencias Económicas é a máis representada cun 22,18%, seguida moi de preto por Administración e Dirección de Empresas cun 18,50%. A continuación figuran Xeografía e Historia, cun 11,6%, e a Escola Técnica Superior de Enxeñaría co 9,8% das ideas. Co 5,45% están Ciencias da Educación, Psicoloxía e Filoloxía. A entrega dos premios tivo lugar no salón reitoral de San Xerome (Foto: Santi Alvite) O reitor Juan Viaño foi o encargado de entregarlle o premio a Pablo Culebras (Foto: Santi Alvite)
