Un proxecto constata como as tecnoloxías están transformando a experiencia da peregrinación
A expansión das tecnoloxías móbiles, as redes sociais e as plataformas de planificación están a transformar a experiencia da peregrinación no Camiño de Santiago. Se tradicionalmente estaba asociado coa desconexión, o esforzo físico e a busca espiritual ou existencial, o Camiño estase convertendo nun espazo intensamente mediado, no que os peregrinos e peregrinas negocian continuamente a súa relación coa tecnoloxía.
Esta nova realidade constatouna Diego Allen-Perkins, profesor axudante doutor da Facultade de Filosofía da USC, nun traballo financiado no marco da oitava convocatoria das axudas á investigación da Cátedra Institucional do Camiño de Santiago e das Peregrinacións da Universidade compostelá, froito dun convenio coa Axencia de Turismo de Galicia e a Catedral de Santiago.
A investigación ‘Entre sendas e algoritmos: autenticidade dixital e peregrinacións no Camiño 2.0’ aborda esta transformación desde unha perspectiva antropolóxica e multimodal, coa análise da maneira en que se constrúe a autenticidade nun contexto onde a experiencia presencial e a mediación dixital se superpoñen e coexisten. Mediante unha combinación de etnografía dixital, entrevistas semiestruturadas, análise de foros e observación participante en Santiago de Compostela, o autor identificou patróns de uso tecnolóxico, debates sobre a autenticidade, mecanismos para regular a conexión e formas de narrar a experiencia da peregrinación en espazos dixitais.
Para Allen-Perkins, os resultados “permiten formular o concepto de «liminalidade conectada», que describe esta modalidade híbrida de experiencia: un tránsito no que os límites entre a presenza física, a introspección, a sociabilidade e a conexión tecnolóxica se reconfiguran continuamente”.
A esta investigación engádeselle o documento A autenticidade dixital no Camiño. Guía didáctica para peregrinos e peregrinas, un material de transferencia que a Cátedra distribuíu entre todas as asociacións xacobeas do Camiño de Santiago. A guía componse de fragmentos de conversas, notas de campo e escenas analíticas “que reconstrúen un fenómeno emerxente, o do Camiño dixital, onde as pantallas e os sendeiros se entrelazan”, explica o investigador.
Diego Allen-Perkins
O autor do traballo é membro do grupo de investigación Antropoloxía da USC. Doutor en Antropoloxía Social pola UNED e Enxeñeiro Químico pola Universidade Politécnica de Madrid, está especializado en antropoloxía dixital, estudos de algoritmos e plataformas, mediación socio técnica e metodoloxías cualitativas. A súa traxectoria combina etnografía dixital e estudo de procesos socio técnicos contemporáneos, con experiencia investigadora transnacional entre España e Ecuador e participación en proxectos competitivos nacionais e internacionais.
Nos últimos anos, Diego Allen-Perkins as súas investigacións centráronse na mediación dixital en contextos sociais permeados por infraestruturas algorítmicas, con publicacións indexadas sobre plataformas dixitais, ecosistemas algorítmicos e intelixencia artificial, así como capítulos en editoriais internacionais como Springer, Edward Elgar e McGraw-Hill. Interveu en máis dunha trintena de congresos e seminarios especializados e é membro da Rede Española de Filosofía da IA (ReFIA) e da International Commission on the Anthropology of Food and Nutrition (ICAF).
Desenvolve docencia en antropoloxía social e metodoloxías cualitativas, colaborou na avaliación cualitativa de políticas públicas (Plan de Inclusión Social de Estremadura) e forma parte da xunta directiva da Asociación Galega de Antropoloxía (AGANTRO).