O proxecto Elba mellora as competencias de profesorado universitario asiático no eido do Big Data

Un equipo da Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) liderou un curso de formación para 25 profesores de nove universidades de Uzbekistan, Kazakhastan, Tadzhikistan e Kirgizistan. A USC como coordinadora do proxecto Elba (Establishment of Training and Research Centres and Courses Development on Intelligent BigData Analysis in CA) desenvolveu o primeiro dos tres cursos de formación dirixido principalmente a 25 profesores asiáticos e, a continuación, coordinará outros dous cursos para 60 profesores na Universidade Politécnica de Torino e na Universidade Primorska de Eslovenia. O proxecto Elba, dotado con 994.968 euros, céntrase en mellorar a capacitación e formación de investigadores/as asiáticos/as no ámbito da análise de Big Data.
A formación da USC durou dúas semanas, nas cales, o profesorado da USC, entre os que se atopan David E. Losada Carril, Paula López Martínez e Tomás Fernández Pena, levaron a cabo un curso intensivo en temas de ciencia da computación e intelixencia artificial, arquitectura e tecnoloxía de computadores, e electrónica, entre outros aspectos. O curso incluíu formación en Text Mining, Data Text Management, Programación para Data Analytics, Big Data, Internet of Things, incluíndo sesións teóricas, sesións prácticas de programación e sesións en laboratorio de electrónica. Tamén houbo charlas de investigación sobre Axentes Conversacionais, Minería de Textos e Desinformación, e Detección Automática de Obxectos con Tecnoloxías de Deep Learning.
Durante a súa visita, os profesores asiáticos tiveron ademais a oportunidade de visitar o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS) e o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA). O obxectivo destas dúas visitas era dar información detallada sobre a estrutura e o funcionamento de cada centro. Os anfitrións impartiron varias charlas, fixeron unha exhibición detallada das capacidades dos centros, e guiaron os visitantes a través das instalacións e servizos.
Inxentes cantidades de datos
O obxectivo do proxecto Elba é profundar no desenvolvemento de novas competencias en tecnoloxías innovadoras no campo da Intelixencia Artificial (IA) que aborda o tratamento de inxentes cantidades de datos. A proposta inclúe a formación de 80 profesores de Asia Central mediante mobilidades organizadas en tres universidades europeas (USC–España, POLITO–Italia e Primorska–Eslovenia), ademais da formación que van impartir profesores das devanditas universidades en Uzbekistan, Kazakhastan, Tadzhikistan e Kirgizistan. Coa participación do CESGA como asesor técnico, unha cuarta parte do financiamento deste proxecto está destinado a crear e equipar centros de Big Data nas dez universidades socias de Asia Central.