Ir o contido principal

O proxecto ESEOO presenta este venres as súas conclusións logo de tres días de debate

O proxecto para o ‘Establecemento dun Sistema Español de Oceanografía Ocupacional’ (ESEOO) chega este venres, día 26, ao seu fin coa celebración dunha sesión que servirá para a presentación dos resultados deste proxecto do que a USC é membro xunto a outras vintetrés institucións e universidades. ESEOO, que está a celebrar a súa derradeira xuntanza de traballo dende o mércores 24 na Facultade de Física, xurdiu tras a catástrofe do ‘Prestige’ logo de advertir a precaria situación da Oceanografía Ocupacional en España e, en particular, a ausencia dun sistema de predición de traxectorias.
O derradeiro día de encontro, o venres 26, celebrarase unha sesión aberta ao público na que se presentarán os resultados finais do proxecto ESEOO. O programa previsto comezará ás 9:30 horas na sede da Fundación Caixa Galicia (r/ do Vilar) cunha presentación a cargo do director de Meteogalicia, Vicente Pérez Muñuzuri. A continuación, o xefe de Área de Medio Físico de Portos do Estado, Enrique Álvarez Fanjul, e Javier Menéndez, de Centro Jovellanos SASEMAR, darán conta dos resultados e produtos derivados do desenvolvemento do proxecto. A xornada completarase cunha descrición detallada sobre a situación actual e perspectivas futuras dende un punto de vista internacional da Oceanografía Ocupacional.
O proxecto ESEOOO proxecto ESEOO pretende promover a Oceanografía Operacional no ámbito nacional e, máis concretamente, os servizos capaces de proporcionar respostas a situacións de emerxencia no mar, tales como vertidos e seguimento de obxectos á deriva. O sistema consistirá nunha combinación de servizos baseados en modelado numérico e na análise de datos oceanográficos, tanto históricos como adquiridos en tempo real, que proporcionarán predicións de toda clase de variables físicas, tanto meteorolóxicas como oceanográficas, relativas ao vento, ás mareas, temperatura ou nivel do mar ou á traxectoria e comportamento de derrames ou obxectos á deriva.
Entre os integrantes do proxectos figuran centros de ámbito nacional como Portos do Estado, Sasemar, Instituto Nacional de Meteoroloxía, Instituto Español de Oceanografía, INTA e ICM/CSIC; centros de ámbito autonómico como MeteoGalicia, IMEDEA ou Azti; as universidades de Cantabria, Málaga, Vigo, Cádiz, As Palmas, Granada, a Politécnica de Barcelona, a UNED e a de Santiago de Compostela; ademais de centros especializados de Estados Unidos, Reino Unido, Francia, Italia ou Portugal. Por parte da USC, participan Vicente Pérez Muñuzuri, Carlos Balseiro, Mª Jesús Soto, Eduardo Penabad, Breogán Gómez, Pedro Montero, Vicente Pérez Villar, Martín Barreiro e Pablo Carracedo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.01.2007.