O proxecto para o establecemento dun sistema español de Oceanografía Ocupacional analiza en Santiago os seus resultados logo de tres anos de traballo
O proxecto ‘Establecemento dun Sistema Español de Oceanografía Ocupacional’ (ESEOO) celebrará en Santiago entre este mércores, día 24, e o venres 26 a súa derradeira xuntanza de traballo. Este proxecto de tres anos de duración, do que a USC é membro xunto a outras vintetrés institucións e universidades, xurdiu tras a catástrofe do ‘Prestige’ logo de advertir a precaria situación da Oceanografía Ocupacional en España e, en particular, a ausencia dun sistema de predición de traxectorias.
Así, o ESEOO pretende promover a Oceanografía Operacional no ámbito nacional e, máis concretamente, os servizos capaces de proporcionar respostas a situacións de emerxencia no mar, tales como vertidos e seguimento de obxectos á deriva. O sistema consistirá nunha combinación de servizos baseados en modelado numérico e na análise de datos oceanográficos, tanto históricos como adquiridos en tempo real, que proporcionarán predicións de toda clase de variables físicas, tanto meteorolóxicas como oceanográficas, relativas ao vento, ás mareas, temperatura ou nivel do mar ou á traxectoria e comportamento de derrames ou obxectos á deriva.
Por parte da USC, participan neste proxecto Vicente Pérez Muñuzuri, Carlos Balseiro, Mª Jesús Soto, Eduardo Penabad, Breogán Gómez, Pedro Montero, Vicente Pérez Villar, Martín Barreiro e Pablo Carracedo.
Programa para o mércores, día 24A derradeira xuntanza de traballo deste proxecto comezará este mércores, día 24, nunha sesión a celebrar a partir das 9:00 horas na Aula Magna da Facultade de Física coa presenza do director xeral de Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia, Emilio Fernández Suárez. Deseguido, abrirase a quenda de conferenciantes convidados na que participarán expertos internacionais de Chipre, Estados Unidos, Francia e Reino Unido, todos eles pertencentes a centros e institutos oceanográficos dos seus respectivos países, entre os que se atopan Georges Zodiatys, Josh Kohut, Florent Lyard e Roger Proctor. O programa continuará, tanta pola mañá como pola tarde, coa celebración dunha sesión ordinaria de relatorios na que intervirán representantes e expertos de todo o país vinculados ao proxecto.
Presentación de resultadosO derradeiro día de encontro, o venres 26, celebrarase unha sesión aberta ao público na que se presentarán os resultados finais do proxecto ESEOO. O programa previsto para este día comezará ás 9:30 horas na sede da Fundación Caixa Galicia (r/ do Vilar) cunha presentación a cargo do director de Meteogalia, Vicente Pérez Muñuzuri. A continuación, o xefe de Área de Medio Físico de Portos do Estado, Enrique Álvarez Fanjul, e Javier Menéndez, de Centro Jovellanos SASEMAR, darán conta dos resultados e produtos derivados do desenvolvemento do proxecto.
A xornada completarase cunha descrición detallada sobre a situación actual e perspectivas futuras dende un punto de vista internacional da Oceanografía Ocupacional.
Proxecto ESEOOO proxecto Establecemento Español dun Sistema de Oceanografía Operacional (ESEOO) é un proxecto de tres anos de duración iniciado en xaneiro de 2004 e financiado polo Ministerio de Educación e Ciencia no que participan catorce grupos nacionais e cinco estranxeiros.
Entre os integrantes do proxectos figuran centros de ámbito nacional como Portos do Estado, Sasemar, Instituto Nacional de Meteoroloxía, Instituto Español de Oceanografía, INTA e ICM/CSIC; centros de ámbito autonómico como MeteoGalicia, IMEDEA ou Azti; as universidades de Cantabria, Málaga, Vigo, Cádiz, As Palmas, Granada, a Politécnica de Barcelona, a UNED e a de Santiago de Compostela; ademais de centros especializados de Estados Unidos, Reino Unido, Francia, Italia ou Portugal.