Ir o contido principal

O proxecto Greencoop dá os primeiros pasos no impulso de novos modelos de negocio para as comunidades rurais en Europa e China

A xuntanza de lanzamento constou de varios talleres que serviron para profundar en diversos aspectos do proxecto
A xuntanza de lanzamento constou de varios talleres que serviron para profundar en diversos aspectos do proxecto
Coordinado dende a USC, a xuntanza de lanzamento deste proxecto acaba de desenvolverse no Campus de Lugo co horizonte posto no desenvolvemento de 18 laboratorios vivos
Lugo

O proxecto Greencoop xa está en marcha para desenvolver novos modelos de negocio para as comunidades rurais e facer fronte, tal e como sinalou a catedrática da USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE), María Rosa Mosquera Losada, ao “desafiante contexto socioeconómico da Unión Europea para o futuro próximo: abandono de terras, envellecemento da poboación, novas incorporacións de profesionais da agricultura, acceso limitado á tecnoloxía en zonas rurais e migración de persoas emprededoras”. Coordinado dende a Universidade de Santiago de Compostela, a xuntanza de lanzamento deste proxecto acaba de desenvolverse no Campus de Lugo co horizonte posto no impulso de 18 laboratorios vivos, 15 en Europa e tres en China, para co-crear innovacións agroecolóxicas e dixitais.

A xuntanza de lanzamento constou de varios talleres que serviron para profundar en diversos aspectos do proxecto. Así, abordáronse as redes de comunidades de negocio centradas na innovación rural, o vínculo entre o territorio e as innovacións agroecolóxicas e dixitais (ADIs, polas súas siglas en inglés), novos modelos de negocios rurais, ou a modelización e optimización dos modelos de negocio das comunidades rurais, entre outros aspectos.

Adoptar solucións

En concreto, no marco de Greencoop levaranse a cabo doce demostracións que se integrarán en tipos relevantes de sistemas agrícolas (ideotipos de predios) seleccionados polos Laboratorios Vivos que servirán de base para desenvolver novos modelos de negocio no rural. “Estes modelos mellorarán os negocios rurais actuais, permitindo superar a situación actual e adoptar solucións agroecolóxicas e dixitais innovadoras e rendibles, á vez que aumentan a prestación de servizos ecosistémicos ambientais, a calidade de vida das persoas que se dedican á agricultura e a revitalización das zonas rurais”, destaca a catedrática da área de Produción Vexetal da USC no Campus de Lugo.

Greencoop, dotado con oito millóns de euros, pretende promover a economía social, mellorar a prosperidade dos persoas que se dedican á agricultura e o emprendemento rural mediante a optimización do uso dos recursos no predio, a redución do dano ambiental, a mellora das condicións laborais e a inclusión —nomeadamente de mulleres—, o fomento da bioeconomía e a economía circular, e o aumento do número de empregos e competencias de alta calidade.

Agárdase que as demostracións promovan a participación das persoas que se dedican á agricultura e ao emprendemento rural nos sistemas alimentarios. Tal e como sinala a investigadora do Campus Terra, “isto contribuirá a aumentar a prestación e valorización dos servizos ecosistémicos, mellorar a seguridade alimentaria e mitigar e adaptar os sistemas agrícolas ao cambio climático, aumentando a resiliencia do mercado”.

Obxectivos

Greencoop é un proxecto de catro anos que aspira a crear e avaliar, a través dun enfoque multimodal e multidisciplinario, un conxunto de doce demostracións; analizar a integración das demostracións e as interaccións coas industrias relevantes nos negocios rurais da UE mediante o desenvolvemento dos novos modelos de negocio para as comunidades rurais; comparar os modelos de negocio actuais cos novos avaliando os seus impactos económicos, ambientais e sociais; e optimizar os novos modelos de negocio para mellorar a sustentabilidade dos sistemas agrícolas, a produtividade, a conectividade rural-urbana e a resiliencia fronte ao clima e o mercado.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.10.2025.