Un proxecto liderado pola USC busca os murais de temática mariña que hai en Galicia e estudará as emocións que suscitan

O mar non só baña a costa galega, senón que tamén forma parte das súas cidades e pobos. Así, en moitas paredes de edificios públicos e privados pódense atopar peixes, luras, polbos, pescadores e mariscadoras, ondas, escenas portuarias, sereas e outras criaturas mariñas míticas. Agora, un equipo investigador da USC realiza un chamamento á cidadanía para que comparta fotografías de murais de temática mariñeira a través da páxina web habilitada polo grupo de investigación EqualSea e escriba que pensamentos, emocións ou lembranzas lle veñen á cabeza cando contempla o mural.
“Aínda que se sabe que a arte visual fálanos dunha maneira moi profunda, aínda non se investigou que emocións evocan en nós os murais de temática mariña”, explican dende o equipo investigador liderado polo profesor Sebastián Villasante, pertencente ao Centro de Investigación Interdisciplinario en Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS) e profesor de Economía Aplicada da Universidade.
“Estes murais son tanto unha expresión da vibrante escena da arte urbana de Galicia como da estreita conexión entre a poboación galega e o mar”, explican dende EqualSea. Para comprender mellor as conexións entre as emocións, o muralismo e o mar, o equipo acaba de asinar unha alianza coa Universidade Vrije de Ámsterdam e a Academia das Artes de Letonia para levar a cabo o proxecto de investigación ‘From Sea to Street’, seleccionado pola Unión Europea xunto con outras 29 iniciativas de ciencia cidadá, para recibir financiamento como parte do programa marco Impetus que persegue contribuír a un planeta saudable e cidades vibrantes.
"Calculamos que hai uns 300 murais en Galicia que teñen unha clara conexión co océano", afirma Sophia Kochalski, investigadora postdoutoral do grupo EqualSea e coordinadora do equipo español no marco do proxecto. "Necesitamos a axuda dos cidadáns e as cidadás para atopalos, mesmo obras de arte relativamente descoñecidas que quizais só coñezas porque sempre pasas xunto a elas de camiño ao traballo ou á escola”, engade.
Un "mural de temática mariña" é unha pintura de gran tamaño sobre unha superficie plana ou unha estrutura tridimensional situada nun espazo público que contén elementos relacionados co mar ou os océanos. As primeiras impresións de como percibe a poboación local diversos murais foron obtidos durante o festival de muralismo Viladomar ‘Máis alá dous muros’ en Rianxo, organizado dende 2017 pola Asociación Cultural Ondiñas Mainas. Na devandita localidade costeira xa existen numerosos murais de temática mariña, como ‘O fondo’ de Nove Noel, ‘O xogo’ de Lara Torres e o retrato de Castelao con paisaxe costeiro de Miguel Peralta.
O equipo investigador agarda que a cidadanía galega goce atopando murais e compartíndoos cunha comunidade crecente. Os resultados esperados inclúen non só unha recompilación dos murais oceánicos en Galicia, senón tamén unha análise do seu contido e distribución, e das diferentes emocións que evocan. Como suxire o nome do proxecto, ‘Do mar á rúa’, “a arte urbana pode ser unha forma de animar a xente para deterse a pensar no mar, na súa sustentabilidade e no seu futuro”, matizan dende EqualSea.
As persoas interesadas en participar poden compartir fotografías de murais de temática mariña tomadas na súa propia cidade, “porque sexa un mural que lles resulte particularmente interesante ou porque o asocien cunha historia persoal”, indican. Tamén se poden enviar fotografías de murais de temática mariña tomadas en viaxes anteriores. As únicas restricións son que a persoa que acceda á web sexa a que tomase a fotografía e que o mural se atope na vía pública.