O proxecto PERMORIA que coordina a USC reflexiona en Barcelona sobre a percepción social da arte pública

No marco do proxecto de investigación PERMORIA (Performatividade do monumento. Percepción social e intervencións sobre a arte pública en España e Portugal desde 1950) que coordina o profesor do Departamento de Historia da Arte da USC Miguel Anxo Rodríguez, a vindeira semana terá lugar en Barcelona un obradoiro de análise de ideas e metodoloxías aplicables ao estudo da percepción social da arte pública.
Partindo dunha consideración ampla deste concepto (desde os monumentos ata a arte na rúa ou o activismo), o obradoiro pretende debater en torno á avaliación deste tipo de arte, prestando especial atención á percepción e as reaccións producidas nas comunidades. O significado político, a identidade colectiva e a experiencia do lugar son elementos que cobran gran importancia nas aproximacións a este tema, e acontecementos como a iconoclasia, os ataques a monumentos relacionados co pasado colonial ou a reasignificación das estatuas puxeron en primeiro plano nos últimos anos.
O obradoiro, en cuxa coordinación participan tamén Nuria Ricart Ulldemolins e Jordi Guixé i Corominas, da Universidade de Barcelona, consistirá en dúas sesións de debate (que se poden seguir en liña) e un encontro no espazo público con representantes de entidades sociais vinculadas dalgún modo con dúas obras: o Espazo de Memoria - Monumento Cárcel de Mulleres de les Corts, e o Monumento a Antonio López y López.
Na xornada participarán investigadores das universidades de Santiago de Compostela, Barcelona, Xaén, UNED-Madrid, Porto e Granada, e desenvolveranse encontros e debates con entidades e organismos sociais como Plataforma Futur Monument Presó de Dones de les Corts, Ateneu Memòria Popular, Centre Irídia, Reial Acadèmia Catalana de Belles Arts de Sant Jordi e Tanquem els CIE. Na sesión final elaborarase unha proposta de documento orientador para a avaliación das obras de arte pública, destacando elementos clave e ferramentas metodolóxicas que se poidan utilizar.
Esta actividade conta co apoio do Instituto de Investigación en Humanidades (iHUS) da USC e do Observatorio Europeo de Memorias (EUROM) da Fundació Solidaritat da UB.