A Quimioteca Pública Española, coordinada polo CiMUS e a Fundación Kaertor, aspira contar con 10.000 compostos en 2028

O CiMUS foi este venres o escenario da presentación da Quimioteca Pública Española, unha biblioteca de compostos químicos achegados por persoal investigador español que se está desenvolvendo co liderado do propio centro de investigación CIMUS, vinculado á USC como un dos nodos de altas capacidades do consorcio europeo de infraestruturas de investigación (ERIC) EU-OPENSCREEN, e a través da Fundación Kaertor. A Quimioteca ten a súa sede física nas propias instalacións do CIMUS.
A catedrática da USC e coordinadora para Galicia do Plan Complementario de Biotecnoloxía Aplicada á Saúde (PCBAS) e da rede ES-OPENSCREEN, Mabel Loza, foi a anfitrioa principal dunha xornada na que se presentou a iniciativa e se explicou como os axentes interesados, fundamentalmente ligados ás universidades e centros de investigación, poden facer achegas á Quimioteca, que actualmente conta con algo máis de medio millar de compostos e aspira a alcanzar os 10.000 en 2028.
Na xornada, xunto con Mabel Loza participaron a vicerreitora de Política Científica, Pilar Beremejo; a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, e a responsable de Infraestruturas Europeas de Investigación en Biomedicina, Marina López Pérez.
A Quimioteca Pública Española
A iniciativa da Quimioteca contribuirá a pór en valor os compostos químicos desenvolvidos en universidades e centros de investigación españois, permitindo a súa avaliación farmacolóxica en campañas de cribado e a súa integración en estudos de quimioinformática.
A Quimioteca constitúe así un exemplo tanxible do impacto que pode xerar o financiamento público en investigación. Grazas a este impulso, a iniciativa reforza a capacidade do sistema científico español para transformar coñecemento en innovación terapéutica. O seu desenvolvemento permitirá valorizar o talento investigador nacional, potenciar a transferencia de resultados cara á industria biomédica e xerar oportunidades económicas e sociais derivadas do descubrimento de novos fármacos. En última instancia, a Quimioteca contribúe a que o investimento público en ciencia reverta en beneficios directos para a saúde e o benestar da cidadanía.
A Quimioteca Pública Española promove a colaboración científica entre grupos académicos do ámbito da saúde e está impulsada pola liña de actuación 3 de PCBAS e pola rede estratéxica ES-OPENSCREEN, co obxectivo de impulsar novos fármacos desde a investigación española, con plena salvagarda da propiedade intelectual.
Rede ES-OPENSCREEN
A plataforma está conectada co ERIC EU-OPENSCREEN mediante un envío simultáneo de compostos a ambas iniciativas, o que permitirá xerar de maneira complementaria datos de cribado de alto rendemento e de bioperfilado. Esta colaboración abre a porta a campañas de cribado en todo o continente, facilitando unha ciencia colaborativa e punteira.
Neste proxecto participan, ademais do CIMUS, o resto dos nodos españois da rede: Centro de Investigaciones Biológicas Margarita Salas-CSIC, Centro de Investigación Príncipe Felipe e Fundación Medina.
Incorporación de compostos
Participar na Quimioteca Pública é completamente gratuíto e ofrece acceso a datos farmacolóxicos e de cribado de compostos, análises computacionais e predicións in silico que enriquecen a investigación, potenciais colaboracións científicas e publicacións enriquecidas con datos biolóxicos.
A incorporación de compostos é un proceso sinxelo, deseñado para asegurar a trazabilidade, a protección intelectual e a súa integración eficaz en campañas de cribado farmacolóxico. O primeiro paso para a incorporación de compostos á Quimioteca consiste en enviar un correo electrónico a quimioteca [at] biofarmagroup.es (quimioteca[at]biofarmagroup[dot]es) no que se manifeste o interese en participar e se proporcione unha descrición preliminar dos compostos que se desexan incorporar. A continuación, haberá que formalizar os acordos de transferencia de material coas institucións correspondentes.
Unha vez preparadas as mostras, enviaranse cos requisitos técnicos necesarios para cada unha das iniciativas. Para a Quimioteca Pública Española, os compostos serán enviados ao CiMUS, onde serán transferidos a placas de cribado, mentres que no caso da plataforma EU-OPENSCREEN se enviarán ao seu centro de Berlín. Antes de iniciarse calquera estudo cos compostos deberase informar ao seu propietario, que deberá dar a súa conformidade para o seu uso.