Ir o contido principal

O recoñecemento ao CiMUS como Unidade de Excelencia María de Maeztu enxalza o seu impacto científico e a transferencia clínica

O reitor da USC durante a súa intervención no acto. FOTO: Santi Alvite
O reitor da USC durante a súa intervención no acto. FOTO: Santi Alvite
Esta acreditación supón, en palabras da directora Mabel Loza, un “punto de inflexión” no camiño que a partir de agora guiará os seguintes pasos do centro
Santiago de Compostela

O Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS), reuniu este martes 29 a comunidade científica e institucional galega para poñer en valor o recente recoñecemento que lle outorgou o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades a través da distinción como Unidade de Excelencia María de Maeztu polo seu impacto científico e liderado internacional. Esta acreditación, en palabras da directora do Centro, Mabel Loza, supón un “punto de inflexión” no camiño que a partir de agora guiará os seguintes pasos, tanto de maneira cuantitativa como cualitativa.

O CiMUS únese así ao Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) que revalidou esta concesión na convocatoria de 2023, tras converterse no primeiro instituto galego en ostentala en 2017. O selo como Unidade 'María de Maeztu' supón unha achega de tres millóns de euros por un período de catro anos. Segundo sinala o Ministerio, a convocatoria “permite fortalecer a organización, a planificación estratéxica da investigación e a promoción  de boas prácticas  na  xestión  de     a investigación”. Tamén persegue “incrementar a visibilidade dos centros e unidades de excelencia, a internacionalización, así como a atracción e captación de novo talento investigador”.

O evento presidido polo reitor da USC, Antonio López Díaz; contou coa participación da directora científica e o director adxunto do Centro, Mabel Loza e José Luis Labandeira; a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; a secretaria xeral de Investigación do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, Eva Ortega; e o presidente do Comité Asesor Científico do CiMUS, Manuel José Tena Sempere.

O acto que reuniu arredor dun cento de representantes do ecosistema galego de investigación e innovación, completouse cunha mesa de debate, moderada por María Isabel Fariñas membro do Comité Asesor Científico do CiMUS e José Luis Labandeira, sobre os ‘Retos, oportunidades e estratexias dende os centros de investigación María de Maeztu e Severo Ochoa’ na que interviñeron o director do Instituto de Neurociencias da Universidade de Barcelona (UBneuro), Jordi Alberch; o director xeral do Centro de Investigación Cooperativa en Biociencias (CIC bioGUNE), José María Mato; o director científico do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e da Xunta de Galicia, Carlos Alberto Salgado; e o director do Instituto de Bioenxeñaría da Universidade de Barcelona (IBEC), Josep Samitier.

Investigación de impacto 

Ademais deste novo selo, o CiMUS conta co recoñecemento CIGUS tipo A da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e o impacto da súa investigación. O cofinanciamento pola propia Xunta incluíndo tamén fondos europeos “foi fundamental para alcanzar os logros actuais”, explican dende o centro. Desde a súa creación, baixo a dirección científica de Carlos Diéguez, a estratexia do CiMUS baseouse no compromiso de potenciar a investigación de calidade desenvolvida polo seu persoal investigador, como xusto retorno á súa implicación en alcanzar a misión do centro: xerar coñecemento sobre os mecanismos moleculares das enfermidades crónicas, conectado coa translación e a transferencia, para que os pacientes poidan recibir solucións terapéuticas de maneira eficiente.

Panca de solidez científica

A traxectoria do centro singular de investigación en medicina molecular e enfermidades crónicas da USC, que naceu en 2010, estivo marcada pola súa vocación traslacional centrada en transferir os resultados do seu traballo á sociedade en xeral e aos pacientes en particular. Esta acreditación supón un recoñecemento estratéxico que serve de panca para executar o Plan do CiMUS, centrado en tres puntos chave: por unha banda, a  atracción, formación e retención de talento é unha prioridade do centro, en liña cos plans de substitución xeracional. A acreditación María de Maeztu permitirá reforzar estas accións mediante a mellora da contorna e as capacidades estratéxicas.

En segundo lugar, sitúanse as sinerxías con ecosistemas estatais e internacionais e a proximidade co ecosistema galego de investigación biomédica que permite manter unha colaboración moi estreita con outros axentes de interese. Neste sentido, o CiMUS incorpora un nodo de altas capacidades en descubrimento de fármacos do ERIC europeo EU-OPENSCREEN e actúa como un hub aberto e dinámico que evoluciona constantemente grazas, en boa medida, aos convenios co Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), que representa o camiño perfecto do laboratorio ao paciente; co CSIC; ou co CIBER do ISCIII.

Finalmente, cómpre destacar as actividades estratéxicas de translación e transferencia á sociedade, que inclúen a creación de patentes, spin offs e colaboracións con empresas a través de programas de participado público-privado, grazas ás cales máis dunha ducia de fármacos alcanzaron a fase clínica. O convenio coa Fundación Kærtor impulsa a transferencia no ámbito do descubrimento de fármacos a nivel internacional, a través do programa CiMUS INNOVA, que se ve agora reforzado coa nova concesión.

14 anos á vangarda 

Durante estes 14 anos, o CiMUS logrou alcanzar cifras récord e situarse en primeira liña de centros de investigación do mapa autonómico. Neste sentido, destacan os máis de 114 millóns de euros captados; as máis de 2.000 publicacións en revistas de alto impacto internacional; as 38 patentes xeradas polos equipos de traballo do Centro ou as 14 spin offs creadas grazas ao traballo do Centro. E todo iso amparado nunha estrutura científica composta por 40 grupos de investigación, máis de 350 persoas de perfil de alta cualificación e dous programas científicos interconectados: o programa de Mecanismos Moleculares, que estuda os mecanismos moleculares de enfermidades crónicas como a obesidade e metabolismo, as enfermidades cardiovasculares, neurodexenerativas e cancro; e o programa Integrativo Traslacional, centrado no desenvolvemento de novos fármacos e estratexias terapéuticas (drug screening, nanodelivery, medicina xenómica, teragnóstica e protonterapia) e reforzando a capacidade traslacional do centro cara a unha medicina de precisión motivacional cos pacientes.
 

Asistentes ao acto. FOTO: Santi Alvite
Asistentes ao acto. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.07.2025.