O uso dos recursos agrícolas, a debate no Campus Terra da man da Sociedade Española de Ciencias Hortícolas

O Campus Terra da USC abordará o uso eficiente dos recursos agrícolas no marco dunhas xornadas promovidas xunto coa Sociedade Española de Ciencias Hortícolas (SECH) abertas á participación de investigadores nos ámbitos da fertilización, substratos, amorodos e froitos vermellos, nas que a comunidade científica someterá a debate algunhas das claves para avanzar cara a sustentabilidade agraria e a produción de cultivos seguros tanto para os consumidores como para os traballadores e mesmo para o medio ambiente.
A optimización das técnicas de produción, o control e a mellora da calidade dos cultivos, as boas prácticas agrícolas e a prevención de pragas e enfermidades serán outras das cuestións sobre as que debaterá a comunidade científica participante nun foro promovido por un comité organizador que preside a profesora da USC Elvira López Mosquera e que se desenvolverá do 18 ao 22 de maio na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría.
As temáticas propostas para análise e debate nas distintas palestras son amplas e, no eido da fertilización, abranguen desde avances na elaboración de plans de abonado, novos produto, compoñentes e aditivos, emprego de estercos e subprodutos orgánicos, fertilización eficiente e de precisión ou fertirrigación.
Os novos materiais e métodos de procesado de substratos, a súa caracterización analítica e de compoñentes, a automatización da xestión da auga e demais compoñentes, ou o control de adventicias, pragas e enfermidades tamén figuran no programa da xornada impulsada pola USC xunto coa SECH, que tamén presta atención á fresa así como a outros froitos vermellos, ademais de incluír diversas visitas técnicas.
Prazos e comunicacións
As persoas interesadas en participar nesta xornada científica sobre uso eficiente dos recursos agrícolas, un foro que tamén está aberto ao estudantado universitario, pode formalizar xa a súa inscrición a través do enderezo de correo electrónico sechlugo2022 [at] sech.info (sechlugo2022[at]sech[dot]info), ao que cómpre remitir unha vez cumprimentado o formulario xa accesibles na web da Sociedade Española de Ciencias Hortícolas. O prazo de presentación de comunicacións científicas, que poden ser en formato póster ou orais permanece aberto ata o 14 de febreiro no mesmo enderezo de correo electrónico.