Ir o contido principal

A rehabilitación dos cascos históricos abre as Xornadas de Nova Investigación que o Idega impulsa no Campus de Lugo

Esta primeira sesión, explican dende o IDEGA, promete ser “unha excelente oportunidade para coñecer de primeira man a investigación en curso sobre rehabilitación urbana". FOTO: Pixabay
Esta primeira sesión, explican dende o IDEGA, promete ser “unha excelente oportunidade para coñecer de primeira man a investigación en curso sobre rehabilitación urbana". FOTO: Pixabay
Desenvolveranse ao longo dos meses de marzo, abril e maio na Facultade de Humanidades da USC
Lugo

‘Recuperación e Sustentabilidade: a rehabilitación de Cascos Históricos como piar de desenvolvemento urbano’ é o título do relatorio co que Nerea M. Otero Vale abre este mércores 12, as Xornadas de Nova Investigación que o Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) desenvolve ao longo dos meses de marzo, abril e maio na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo da USC. O relatorio poderá seguirse en liña a través de Teams e dará comezo ás 16.30 horas. 

Graduada en Xeografía e Ordenación do Territorio e cun mestrado en Planificación e Xestión Territorial, Otero Vale analizará a importancia da recuperación do patrimonio arquitectónico e urbanístico como elemento clave para un crecemento sostible e equilibrado das cidades, combinando o respecto pola historia coa mellora da calidade de vida da cidadanía. O director do Idega e catedrático da USC, Rubén Camilo Lois González, pertencente ao grupo en Análise Territorial (ANTE), é o director-titor desta investigación. 

Esta primeira sesión, explican dende o IDEGA, promete ser “unha excelente oportunidade para coñecer de primeira man a investigación en curso sobre rehabilitación urbana, así como para reflexionar sobre os retos e oportunidades que supón a posta en valor dos cascos históricos dentro do modelo de desenvolvemento territorial”. 

Próximos encontros

As Xornadas continuarán o 26 de marzo co relatorio de Antonella Maneli sobre ‘Os procesos de integración-exclusión social das persoas migrantes en Galicia: O rol das ONG’. Tamén integrarán o programa Ana Margarida Cruz da Silva con ‘A riqueza e o valor cultural da Serra da Estrela de Portugal’ (23 de abril), Sandra Coelho con ‘Valorización do carácter da Agricultura Familiar e o papel dos seus actores como determinantes do Desenvolvemento Rural en territorios de montaña’ (30 de abril), e Javier Vera López con ‘Red de valor del Árbol Ramon (brosimum alicastrum swartz) en México’ (7 de maio). Todas as sesións terán lugar na Facultade de Humanidades, ás 16.30 horas. 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.03.2025.