O reitor imporá este venres a Insignia de Ouro da USC á profesora Mª Isabel Fraga
O reitor Juan Viaño presidirá este venres 16 a imposición da Insignia de Ouro da Universidade de Santiago á profesora e ex directora do Museo de Historia Natural da USC Mª Isabel Fraga Vila. A sesión celebrarase a partir das 13.30 horas no Salón de Graos do Colexio de San Xerome.
A Insignia de Ouro da institución académica compostelá concédea o reitor a aquelas persoas que sobresaian dun xeito especial nos servizos prestados á institución. Nesta ocasión, a imposición recoñece a traxectoria académica da profesora titular de Botánica Mª Isabel Fraga e particularmente o seu labor á fronte do Museo de Historia Natural do que foi directora entre 2006 e 2017 e vicedirectora entre 2000 e 2006. Neste posto, as súas principais liñas de traballo foron dar a coñecer o importante valor das coleccións que constitúen o patrimonio do museo, divulgar as ciencias naturais e achegalas ao conxunto da sociedade e contribuír a incrementar a dimensión do museo nas súas diversas facetas.
Profesora titular de Botánica na Facultade de Bioloxía dende 1976, como investigadora é autora de aproximadamente 80 publicacións científicas e investigadora principal ou membro do equipo de proxectos financiados en convocatorias públicas de ámbito europeo, nacional e autonómico, así como de contratos con empresas e administracións públicas.