O reitor da USC e o novo alcalde compostelán celebran a súa primeira reunión institucional

O reitor Antonio López recibiu este xoves 11 ao alcalde do Concello de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, no seu despacho no Colexio de San Xerome no primeiro encontro institucional logo das pasadas eleccións municipais do mes de maio e unha vez constituída a corporación local.
O encontro permitiu deixar constancia da vontade de diálogo e intereses compartidos entre ambas institucións de cara ao futuro. O encontro permitiu “poñer en común necesidades recíprocas” sinalou Antonio López que axuden á definición e construción dun proxecto de futuro compartido, engadiu o alcalde. Para Xosé Sánchez Bugallo a USC é unha “institución fundamental, xa que Santiago non sería o que é de non ser pola Universidade”. Se ben ambas institución comparten unha historia extensa, “o que nos ten que unir máis é o futuro, e a USC é fundamental para deseñar ese futuro”. O rexedor sinalou a cultura e as novas tecnoloxías como ámbitos sobre os que traballar na definición de proxectos compartidos, apelando á necesidade de “dar un salto cualitativo”.
A partir da idea compartida de que “cidade e universidade son inseparables”, o reitor Antonio López valorou positivamente a sintonía e conexión entre ambas institucións. Considera que a USC “ ten un reto: temos que facer máis cidade a través da cultura, da investigación e da transferencia de coñecemento”. Respecto deste último, o reitor subliñou a necesidade de ser capaces de ir máis alá da contorna universitaria, para ser capaces de fortalecer a relación co tecido empresarial de Compostela. “Nun ámbito xeográfico periférico temos un ecosistema favorable aos proxectos que pretendemos desenvolver”, engadiu.