Ir o contido principal

Relacións Laborais acolle este xoves unha xornada sobre as oportunidades económicas e de emprego no medio ambiente

Cartaz anunciador da xornada
Cartaz anunciador da xornada

A Escola Universitaria de Relacións Laborais do campus de Lugo acubillará este xoves, día 8 de maio, a xornada ‘Medio Ambiente e Emprego’, un foro organizado pola Fundación Campus Lugo en colaboración coa Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama) e a través do que se pretende amosar aos/ás estudantes universitarios/as as posibilidades que ofrece o medio ambiente para a creación de postos de traballo.

Esta xornada monográfica sobre medio ambiente e emprego desenvolverase en quenda de mañá, de 9.30 a 14.00 horas, no salón de actos do centro universitario lugués. O presidente de Sogama, Luis Lamas, e o deputado provincial delegado da Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, Mario Outeiro, abrirán a xornada no marco dun acto de inauguración que se desenvolverá a partir das 9.30 horas. O director xeral da empresa Valora Consultores, Senén Ferreiro, abrirá a quenda de relatorios cunha intervención na que falará do emprego verde en Europa e das oportunidades que ofrece o medio ambiente no eido do desenvolvemento sostible. De seguido, María Pérez Sainz, técnico do departamento de prevención e servizos a empresas do sistema integrado de xestión de Ecoembes, disertará sobre as posibilidades do ecodeseño. Este novo concepto atinxe ao cometido desenvolvido por aquelas empresas que traballan a prol da incorporación da perspectiva ecolóxica na súa actividade, ao tempo que reducen a produción de residuos e tratan de facer do aproveitamento destas materias un importante xacemento de emprego. Unha táboa redonda sobre o cometido do medio ambiente na economía sostible servirá de colofón da xornada programada na escola universitaria de Relacións Laborais de Lugo. O emprendemento empresarial na área da sostibilidade, a contribución da ecoinnovación ao crecemento económico e a proxección comercial dos produtos ecolóxicos serán os eixes temáticos sobre os que xirarán as intervencións dos tres relatores convidados para participar nesta sesión: Pedro Tasende, xerente de Aporta Comunicación; Francisco Javier Fernández de Ana Magán, director do departamento de I+D+i de Hifas da Terra, e Rocío Freire, responsable de Calidade de Alibos Galicia. A directora da escola universitaria de Relacións Laborais do campus de Lugo, Mercedes Montes, e o presidente de Sogama, Luis Lamas, pecharán o programa da xornada Medio Ambiente e Emprego ás 14.00 horas, cun breve acto de clausura.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.05.2014.