Relacións Laborais analiza as barreiras no acceso ao emprego e a promoción das mulleres nas organizacións

O grupo de estudos Muller e Emprego da USC organiza ata o 10 de marzo as segundas Xornadas Muller e Igualdade que nesta ocasión profundan nas barreiras no acceso ao emprego e a promoción das mulleres nas organizacións públicas e privadas. A secretaria xeral de Igualdade, Marta González Vázquez, e o director da Escola Universitaria de Relacións Laborais, Juan Ares Fernández, inauguraron este luns o encontro no Salón de Graos da escola.
Previamente sucedéronse diversos relatorios sobre o rol da negociación colectiva na promoción profesional da muller -a cargo do maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Emilio Fernández- e sobre as técnicas para detectar a discriminación, neste caso da man do profesor da Carlos III Luis Aramburu.
A sesión do luns complétase con intervencións sobre participación política e toma de decisións e xénero e liderado, ademais dunha mesa redonda, ás 18:00 horas, sobre conciliación na que participan representantes sindicais, políticos e responsables de recursos humanos de empresas.
Plans de igualdadePara o martes 9 está prevista outra mesa de debate, ás 12:30 horas, sobre os problemas e controversias que suscita a aplicación de plans de igualdade na que intervirán expertos universitarios, técnicos municipais e responsables na materia de empresas e organismos como Microsoft ou RTVG.
As cargas familiares, os efectos das actitudes cara ás medidas positivas no acceso ao emprego e a promoción ou os efectos da crise son algúns dos outros temas a tratar ao longo das tres xornadas en que se desenvolve o encontro que dirixen as profesoras Silvia Moscoso e María Bastida.