Relacións Laborais inaugura este mércores unhas xornadas sobre protocolo e comunicación interna na empresa
A Escola Universitaria de Relacións Laborais de Lugo analizará diversas cuestións sobre a organización de actos e celebracións e actuacións protocolarias no ámbito empresarial e na Administración Pública, entre outros temas que se tratarán durante tres días, no transcurso dunhas xornadas sobre protocolo e comunicación interna, que se inauguran este mércores 10 no centro lugués.
Deste xeito, os actos previstos para a primeira sesión comezarán ás 11:00 horas co primeiro obradoiro sobre protocolo e formas na empresa. Xa pola tarde, a coach profesional María del Carmen Pujales, disertará sobre a comunicación interna, ás 16:00 horas. E para rematar o cartel do día, ás 18:30 horas, a directora de Recursos Humanos do Grupo El Progreso, Monsterrat Abella, e a profesora da Escola Universitaria de Enfermería de Lugo Olga López ofrecerán unha mesa redonda, seguida de coloquio, para tratar as formas na comunicación interna e a relación cos pacientes e familiares, respectivamente.
O segundo obradoiro sobre protocolo e formas na empresa abrirá a xornada do día 11, ás 9:00 horas. Pujales continuará co seu relatorio sobre comunicación interna ás 16:00 horas. Ás 18:30 haberá unha nova mesa redonda sobre protocolo na Administración Publica e en actos e celebracións, coas intervencións de Juan Carlos Fernández, xefe de protocolo da Deputación de Lugo; e Margot Lage, Subdirectora do Gran Hotel Lugo.
A última das xornadas comezará tamén ás 9:00 horas co terceiro obradoiro, que centrará a súa atención sobre a imaxe do executivo e a súa proxección no mundo empresarial. Pola tarde, a mesa redonda estará dedicada ás diversas formas de comunicación a distancia.