Ir o contido principal

Relacións Laborais de Santiago analiza o problema da discriminación no traballo

A Escola Universitaria de Relacións Laborais de Santiago organiza o próximo luns 4 e o martes 5 unhas xornadas monográficas abertas a toda a comunidade universitaria nas que se analizará exhaustivamente o problema da discriminación nas relacións laborais. A inauguración oficial deste encontro celebrarase a partir das 9:00 horas no Salón de Actos do centro.
As xornadas estrutúranse nun primeiro panel de carácter transversal que estudará o significado da discriminación, a súa tradución en principios constitucionais e de Dereito comunitario e as vías procesuais e administrativas para a súa tutela, e nun segundo centrado na incidencia das principais causas de tratamento discriminatorio como son sexo, orientación sexual, orixe racial ou étnica, idade, afiliación sindical e ideas políticas, e relixión ou conviccións.
As xornadas, que contan co patrocinio da Consellaría de Traballo, están dirixidas polos profesores Yolanda Maneiro Vázquez e José María Miranda Boto. Coa inscrición gratuíta, os estudantes da propia Escola e das Facultades de Dereito e de Ciencias Políticas acadarán 1 crédito de libre configuración.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.04.2009.