Remata o curso de creación musical e folclore 'Músicas para a escola'
O curso de creación musical organizado pola Vicerreitoría de Cultura e a Escola Universitaria de Formación do Profesorado do Campus de Lugo, remata este sábado, día 27, na Aula 29 deste centro. As clases, impartidas por Pilar Cabeza, Charo Herrero e Isidoro Rodríguez, desenvolvéronse durante os venres e sábados das pasadas semanas, contando o curso cun total de 30 horas lectivas.
Os 100 alumnos inscritos traballaron temas como o xogo e desenvolvemento creativo, o oído como base da creación musical ou o deseño de materiais creativos, aspectos todos eles incluídos na parte de creación musical que foi impartida polas profesoras Pilar Cabeza e Charo Herrero. Pola súa banda, o profesor e investigador Isidoro Rodríguez foi o encargado da sección correspondente ao folclore, atendendo no seu programa a aspectos como as diferentes manifestacións do folclore e as súas aplicacións na escola segundo as idades. O curso dirixido pola profesora Inmaculada Cárdenas conta co recoñecemento dun crédito de libre configuración.