Ir o contido principal

Remata o prazo para inscribirse no certame de subtitulación #traduceTED

Imaxe do TED traducido por Paola Costa, gañadora da edición de 2024 na modalidade A
Imaxe do TED traducido por Paola Costa, gañadora da edición de 2024 na modalidade A
Convocado pola Vicerreitoría de Transformación Dixital e Innovación a través do Servizo de Normalización Lingüística, esta é unha iniciativa aberta ao conxunto da sociedade que xa vai pola décima edición
Lugo, Santiago de Compostela

O vindeiro 26 de setembro pechará o prazo para inscribirse no certame #traduceTED que premia a calidade da subtitulación ao galego de charlas e vídeos TED de divulgación científica.

O Servizo de Normalización Lingüística da USC leva xa unha década xuntando galego e charlas TED con éxito de participación, pasando de abranguer temáticas relacionadas coas ciencias da saúde nos comezos a abrirse a calquera ámbito de coñecemento dende hai uns anos.

Para participar, hai que inscribirse no concurso ata o 26 de setembro. Cando reciba a inscrición das persoas interesadas, Normalización achegaralles a información necesaria para poder elixir unha ou varias charlas coas que concursar e comezar a subtitulalas.

Pode presentarse ao concurso calquera persoa, nunha das dúas modalidades de participación: a modalidade A é a reservada para o estudantado, PDI, PI ou PAS da USC durante o ano 2025 e a modalidade B está aberta a persoas adultas alleas á USC. Para participar cómpre subtitular ao galego cando menos unha charla ou vídeo TED de divulgación científica a través da plataforma que emprega TED.com e as persoas inscritas na modalidade A poderán participar ademais nun obradoiro de formación sobre o manexo da aplicación que se emprega para subtitular.

Os mellores traballos de subtitulación presentados en cada modalidade serán recoñecidos cun dos seguintes premios: na modalidade A o primeiro premio será de 300 euros, o segundo de 250 e o terceiro de 200, e todos eles ademais recibirán un diploma honorífico; na modalidade B o primeiro premio son 300 euros e o segundo son 250 euros e os dous recibirán ademais diploma honorífico.

O prazo de entrega das subtitulacións remata o 30 de outubro. Un xurado valorará os traballos de subtitulación presentados ao concurso e elixirá os merecentes de premio en cada modalidade, tendo en conta os criterios explicitados na convocatoria.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.09.2025.