Ir o contido principal

Remata a quinta edición do programa de préstamo de bicicletas da USC

A USC recollerá en Lugo e Santiago a vindeira semana, entre os días 27 e 29 de xuño, as bicicletas postas á disposición da comunidade universitaria no marco da quinta edición do Programa de préstamo da USC, unha iniciativa posta en marcha pola Coordinación do Plan de Desenvolvemento Sostible da Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade. Na actual convocatoria recibíronse 424 solicitudes, das que un 84% corresponden a estudantes, un 6% a persoal docente e investigador e un 5% a persoal de administración e servizos. Finalmente foron 229 as persoas que puideron gozar dunha delas. A Escola Politécnica Superior e a Facultade de Veterinaria foron os centros con maior número de participantes no campus de Lugo. No de Santiago, a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e a Escola Técnica Superior de Enxeñaría contaron con 16 e 14 participantes, respectivamente. Respecto co medio ambiente

O Programa de préstamo de bicicletas ten como obxectivo principal a promoción do uso da bicicleta como medio de transporte máis respectuoso co medio ambiente. Este programa é unha das moitas accións que se poñen en marcha para a promoción da mobilidade sostible nos campus da USC. Cabe salientar tamén a iniciativa ‘Comparte Coche’, na que se inscribiron xa preto dun cento de persoas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.06.2011.