Ir o contido principal

Remataron na Facultade de Bioloxía as obras da primeira fase de remodelación integral do centro

Nun momento da visita ás novas instalacións da biblioteca do centro
Nun momento da visita ás novas instalacións da biblioteca do centro

O reitor da USC, Senén Barro, visitou este martes 9 a Facultade de Bioloxía logo de rematada a primeira fase da reforma integral que está a experimentar este centro do Campus Sur. Nesta quenda a remodelación afectou aos niveis 0 e 1 onde se emprazan aulas, a biblioteca, conserxerías e instalacións eléctricas, de climatización e de fontanería.
A reforma permitiu que as aulas cumpran con todos os requisitos de seguridade e accesibilidade, que teñan luz natural incluídas as do nivel 0 situadas por debaixo do nivel da rúa e que sexan funcionais e agradables. A Facultade de Bioloxía está inmersa actualmente no proceso de reforma integral do edificio, tanto no exterior como no seu interior.
Atendendo a un acordo da Xunta de Facultade, todas as aulas novas levan o nome de científicos relacionados coa ámbito da Bioloxía, tales como Santiago Ramón y Cajal, Severo Ochoa, Louis Pasteur, entre outros. Nesta mesma liña, a propia Aula de Informática recibe agora o nome da científica Margarita Salas.
O reitor Senén Barro agradeceu o traballo das vicerreitorías implicadas nesta reforma, do equipo decanal e dos arquitectos, tanto do autor do proxecto Santiago Catalán como do director da Oficina Técnica da USC Arturo Campanero, e de todos aqueles que participaron nesta “reforma delicada porque ademais do respecto ao que tiñamos houbo que atender ás novas necesidades e dar luz e estética a este edificio no que son moitos os que traballan e estudan”.
Na segunda e terceira fase acometerase a remodelacións dos departamentos (despachos e laboratorios de investigación), laboratorios de prácticas e da fachada. No seu conxunto, as obras que se están a acometer, permitirán á Facultade de Bioloxía gañar en luminosidade e funcionalidade interior, cun mellor aproveitamento dos espazos dispoñibles nun centro en constante crecemento.
Botánica, fisioloxía, edafoloxía, bioquímica, microbioloxía ou xenética son algunhas das áreas implantadas nesta facultade compostelá que dá acubillo a un total de nove departamentos propios. O centro acolle ademais a preto de mil estudantes e o vindeiro curso comezará a implantación do novo grao oficial adaptado ao Espazo Europeo de Educación Superior.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.06.2009.