Ir o contido principal

Renovado o convenio de financiamento da actividade do Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía de Lugo

De esquerda a dereita, José Pardo, Senén Barro, José Rodríguez Andina e Jaime López
De esquerda a dereita, José Pardo, Senén Barro, José Rodríguez Andina e Jaime López

O convenio de colaboración para o financiamento das actividades do Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía (CITT) de Lugo, que se firmara por primeira vez no ano 1995, renóvase este luns, día 29, nun acto ao que asisten como asinantes do acordo o reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro; o Vicepresidente da Deputación Provincial de Lugo, José Carlos Rodríguez Andina; o presidente da Caixa Rural Galega, José Pardo; o secretario xeral da Confederación Empresarial Luguesa, Jaime Luis López Váquez.
A finalidade deste convenio é promover as actividades de investigación tecnolóxica e a súa difusión no medio económico e social, favorecendo a interrelación entre as actividades universitarias e as necesidades empresariais.
As partes asinantes do convenio avalían positivamente o traballo realizado ata o día de hoxe, pola paulatina consecución dos obxectivos propostos e pola dinamización do sector da innovación tecnolóxica, a investigación e a difusión de coñecementos no espazo económico e social, do que é proba o crecemento nas actividades dos grupos de investigación do Campus Universitario en colaboración con empresas e institucións.
A USC, que asume a función e iniciativa en materia de realización de actividades, contará cunha achega de 57.000 euros para que a práctica da cooperación entre institucións, empresas e universidade se converta no futuro nun xeito habitual de traballo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.01.2007.