Ir o contido principal

Representantes de Repsol, Novozymes e CETaqua/AGBAR reúnense con investigadores da USC para estudar vías de cooperación

Representantes de Repsol, Novozymes e CETaqua/AGBAR manterán este xoves 4 na Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago un encontro con investigadores da USC na procura de futuras colaboracións. Así, na xornada matinal explicarán as diversas áreas de interese en materia de I+D así como as posibles vías que posúen estas compañías para cooperar cos centros de investigación e universidades. As empresas convidadas, o mesmo xoves, reuniranse con diversos grupos de investigación da USC para coñecer as súas tecnoloxías e liñas de investigación de cara a estudar posibles colaboracións. Os grupos interesados en participar deberán inscribirse indicando a empresa coa que desexan manter esta xuntanza. Todas aquelas persoas interesadas en asistir deberán enviar un correo electrónico a josemanuel.rebolo [at] usc.es (josemanuel[dot]rebolo[at]usc[dot]es). Nestas xornadas, a partir das 10.00 horas no Salón de Actos da ETSE, participarán en representación das tres empresas convidadas o responsable do Centro de Tecnoloxía Repsol, Álvaro Jiménez e o investigador de proxectos de Novas Enerxías de Repsol, Óscar Prieto; o senior manager Business Creation de Novozymes; e o director comercial de CETaqua, Cristóbal Pérez e a xerente de CETaqua en Galicia, Ana Tejeiro. O Centro de Tecnoloxía Repsol é o centro de investigación privada máis grande de España. A súa misión é crear valor e coñecemento propio por medio da I+D+i. No interior deste complexo de 56.000 metros cadrados levan a cabo investigacións de alto nivel en química, refino, exploración, combustibles ou enerxías alternativas. Pola súa banda, Novozymes é unha compañía de biotecnoloxía cun forte enfoque na produción de encimas, microorganismos e biopolímeros con múltiples aplicacións industriais. Novozymes desenvolve biosolucións para campos tan diversos como o agroalimentario, o téxtil, o papel, a sanidade animal ou o tratamento de augas. Finalmente, Agbar está especializada en todos os procesos vinculados coa xestión da auga e, hoxe en día, está considerada como unha das grandes expertas mundiais deste sector. Esta xornada encádrase dentro dun conxunto de encontros sectoriais organizados pola Área de Valorización, Transferencia de Emprendemento da USC (AVTE) que se celebrarán ata setembro para presentar os resultados acadados en diversos proxectos apoiados e financiados dende o programa POCTEP Vehículos de Transferencia Tecnolóxica. Neste liña, a pasada semana representantes de Johnson & Johnson e Promega Ibérica abriron diversas vías de colaboración con grupos de investigación da USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.07.2013.