Ir o contido principal

Retrasos, deficiencias na dirección de proxectos e sobrecustes, trazos da obra civil en Oriente Medio

Gráfica informativa inccluída na tese de dutoramento presentada na USC por Tariq Al Amri
Gráfica informativa inccluída na tese de dutoramento presentada na USC por Tariq Al Amri
A tese de doutoramento elaborada por Tariq Al Amri baixo a dirección do catedrático a USC na EPS de Enxeñaría Manuel Marey achega solucións aos problemas advertidos e suxire propostas para un modelo de edificacións máis sostible na Península Arábiga
Lugo

Os sobrecustes, a toma de decisións dos promotores, a escaseza de financiamento de promotores e contratistas e especialmente o pouco rigor e a falta de importancia que se confire tanto á definición do proxecto como á súa planificación durante as primeiras etapas da obra, constitúen algún dos principais elementos que condicionan o sector da obra civil en Oriente Medio, segundo conclúe a tese de doutoramento que vén de presentar na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC Tariq Al Amri baixo o título ‘Dilemma of project management in Oman’.

A investigación de doutoramento desenvolvida por Tariq Al Amri baixo a dirección do catedrático da área de Proxectos de Enxeñaría da USC Manuel Francisco Marey Pérez, constitúe un fito importante no ámbito das técnicas de Dirección de Proxectos aplicadas á construción civil na rexión da Península Arábiga e do Golfo Pérsico, unha zona que, xunto con China, constitúe unha das áreas xeográficas con maior nivel de actividade da construción durante os últimos 20 anos, un crecemento pouco menos que exponencial que, sen embargo, está lastrado tanto polas deficiencias na organización das actividades previas como polos problemas de pouca calidade que caracterizan o produto final, conclúe a investigación.

A temática e a localización á que se refiren as pescudas recollidas nesta tese de doutoramento dan conta tamén do crecente grao de internacionalización da EPS de Enxeñaría do Campus Terra da USC e do relevo das liñas de investigación que se desenvolven nesta sede universitaria no eido da dirección de proxectos, indica o coordinador do grupo de investigación Proxectos e Planificación (PROePLA) da USC, Marey Pérez.

Tariq Al Amri aborda na súa tese por métodos estatísticos cales son os principais problemas da actividade construtiva nesta rexión de Medio Oriente, na que, alén dos problemas de calidade, é habitual o retraso da entrega das obras e o seu sobrecuste. Alén desta análise e do diagnóstico das causas da problemática advertida, o investigador propón as claves para non só liquidar os déficits detectados, senón tamén para conseguir unha construción máis sustentable en toda a zona. Nos últimos capítulos da tese, Tariq Al Amri detalla cal foi o impacto da pandemia provocada pola COVID neste tipo de actividades, tarefas caracterizadas por requirir gran cantidade de man de obra procedente de diferentes países do mundo.

Tribunal de tese e cualificación

A profesora da Escola de Enxeñeiros Industriais da UVigo, Itziar Goicoechea Castaño, presidiu o tribunal encargado da avaliar a tese de doutoramento presentada por Tariq Al Amri. O profesor da Escola de Enxeñeiros e Minas de Enerxía da Universidade de Oviedo Miguel Anxo Vigil Berrocal, e o profesor Ramón e Cajal da área de Proxectos de Enxeñaría da USC César Pérez Cruzado completaron a composición dun tribunal que outorgou a máxima cualificación académica a esta tese de doutoramento.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.03.2021.