Ir o contido principal

A revista Evohé pon o foco na xeración Beat e no seu legado escrito e cultural

Ruth María González, María Isabel González Rey e Claudio Rodríguez Fer, na presentación do número 27 da revista Evohé
Ruth María González, María Isabel González Rey e Claudio Rodríguez Fer, na presentación do número 27 da revista Evohé
A estudante Ruth María González Fuertes é a directora do número 27 desta publicación do campus lugués, que inclúe entrevistas a Cristina Fiaño e Saturnino Valladares

A revista Evohé do Campus Terra da USC pon o foco no seu número 27 na xeración Beat e no seu legado escrito e cultural, tal e como sinalou a directora desta volume, a estudante da Facultade de Humanidades Ruth María González Fuertes, na presentación da última entrega desta publicación, un acto no que tamén participaron a decana do centro universitario lugués, María Isabel González Rey, e poeta e profesor da USC Claudio Rodríguez Fer.

Os contidos que presenta o número 27 de Evohé permiten ao lector unha apaixoante viaxe por distintas manifestacións culturais a través dos seus artigos, entrevistas e textos de creación en prosa e verso, así como con debuxos e fotografías. A propia directora escribe sobre os escritores beatniks e colabora con creación en prosa xunto coa súa colega María Grande Prada. En verso aparecen poemas de Belén Quinteiro, Iago González, Inés Outomuro, Nuria Fernández, Santiago Argüeso Galván, Claudia Yessica Flores Espinosa e Adrián Valenciano Cerezo. Dúas entrevistas con dous poetas e investigadores formados na Facultade de Humanidades da USC e que tamén desenvolveron no seu día as función de directores de Evohé, como o son Cristina Fiaño, entrevistada por Marcela Bao, e Saturnino Valladares, interpelado por Héctor Acebo, son outros dos contidos que inclúe esta edición a revista cultural do campus de Lugo. O número 27 de Evhoé, cuxa cuberta leva un debuxo de Neka Erreka e a maquetación correu a cargo de Andrea Mariz, quen aportou fotografías e debuxos, presenta tamén unha coidada ilustración. Daquela, cómpre sinalar que esta edición inclúe debuxos da lucense Sara Lamas, do arxentino Francisco Sosa e da chinesa Zhao Bing. Do mesmo xeito que en anteriores entregadas, esta revista estudantil segue aberta á participación dos docentes. Neste número Claudio Rodríguez Fer escribe sobre Bob Dylan, mentres que a tamén investigadora na Facultade de Humanidades Cristina Patiño Eirín escribe sobre contos rusos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.12.2016.