Sae á luz o primeiro e-learning de portugués elaborado en Galicia
O profesor e director do grupo Galabra da Universidade de Santiago, Elías Torres, coordinou o equipo encargado da elaboración dunha plataforma e-learning de portugués para galegos, que este martes se presentou na Vicepresidencia da Xunta de Galicia. Trátase do primeiro e-learning de portugués elaborado en Galicia e que contou co financiamento da Dirección Xeral de Xuventude e os fondos europeos Interreg de Cooperación Transfronteiriza.
‘Portugués para Nós’ é un curso dirixido a usuarios galegos con nivel de principiante no idioma do país veciño. Está dividido en oito bloques, cada un deles dotado dunha táboa de contidos que son desenvolvidos a través de vídeo, audición, táboas descritivas e exercicios prácticos. Cada unha desas unidades recolle aspectos comunicativos, gramaticais, léxicos e socioculturais.
Os autores do curso foron a profesora da área de Filoloxía Galega e Portuguesa Felisa Rodríguez Prado; o profesor de Lingua e Literatura Galegas no CPI Tomás Terrón Mendaña de Carvalleda de Valdeorras, Afonso Villar Agra; o profesor da Universidade do Minho e autor do Dicionário Espanhol-Português, Português-Espanhol de Porto Editora, Álvaro Iriarte; a profesora de Lingua e Literatura Galegas no IES Lauro Olmo do Barco, María Jesús Rodríguez Fernández; e o profesor de portugués na EOI de Ourense, Valentim Rodrigues Fagim.
O desenvolvemento informático foi obra de Imaxin Software e o soporte escollido o Moodle, un dos formatos máis utilizados actualmente para o ensino de linguas.