Ir o contido principal

As saídas profesionais do doutoramento, obxecto de análise na USC

O ciclo comeza este venres 19 de febreiro coa charla ‘Humanizando o dixital’, unha conversa con Patricia Rodilla e Luz Castro. Imaxe de arquivo dunha biblioteca da USC. FOTO: Santi Alvite
O ciclo comeza este venres 19 de febreiro coa charla ‘Humanizando o dixital’, unha conversa con Patricia Rodilla e Luz Castro. Imaxe de arquivo dunha biblioteca da USC. FOTO: Santi Alvite
A EDIUS impulsa o ciclo de charlas ‘Son doutor/a… e agora que?’ para achegar ao alumnado as experiencias profesionais de expertos en diversos campos que compaxinan a investigación con actividades profesionais
Santiago de Compostela

A Escola de Doutoramento Internacional da USC (EDIUS) pon en marcha o ciclo de charlas ‘Son doutor/a… e agora que?’ sobre as saídas profesionais para este tipo de titulados/as. Abrir novos horizontes profesionais ás persoas doutoras acercando o mundo profesional á investigación como continuación das súas actividades, unha vez que rematan a etapa de doutoramento e defenden a tese, é a meta desta iniciativa que se vai desenvolver en liña e de balde, a través da plataforma Teams.

‘Son doutor/a… e agora que?’ achegará ao alumnado de doutoramento as experiencias profesionais de expertos en diversos campos que compaxinan a investigación con actividades profesionais. Segundo o director da EDIUS, Pablo Taboada, “esta iniciativa pretende dar a coñecer en primeira persoa a experiencia de profesionais destacados como forma de poñer en valor as diferentes posibilidades profesionais que se abren para as persoas cando rematan a súa investigación de doutoramento”.

O ciclo comeza este venres 19 de febreiro, ás 13.00 horas, coa charla ‘Humanizando o dixital’, unha conversa con Patricia Rodilla e Luz Castro, dúas enxeñeiras informáticas e  profesoras da Universidade da Coruña. “Ambas as dúas son o exemplo práctico de que se poden mesturar, e con éxito, as humanidades e o mundo dixital”, explica a profesora Isabel Neira, coordinadora das actividades formativas da EDIUS. “O seu perfil como doutoras e emprendedoras forma parte da razón de ser da investigación na economía actual”, engade a profesora da USC.  

Na programación do ciclo están previstas participacións de expertas e expertos que a través da súa experiencia aproximen ao alumnado, a realidade da inserción laboral noutras áreas como a biomédica ou a teledetección, e, en xeral, as novas formas de facer investigación centrada nas persoas, así como o modo en que a ciencia pode axudar a resolver os problemas sociais e ambientais.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.02.2021.