Ir o contido principal

Santiago acollerá en 2027 a ‘IWA Resource Recovery Conference, evento internacional de referencia na recuperación de recursos a partir de correntes residuais

O anuncio da candidatura celebrouse nunha xuntanza celebrada recentemente en Leeuwarden
O anuncio da candidatura celebrouse nunha xuntanza celebrada recentemente en Leeuwarden
Entre outras cuestións, abordará cuestións relacionadas coas solucións circulares para a recuperación de recursos, vías para acadar un impacto no mundo real e alternativas para medir e comunicar os beneficios da recuperación de recursos

Santiago será a sede da sétima edición da IWA Resourve Recovery Conference, un evento internacional de referencia no ámbito da recuperación de recursos a partir de correntes residuais. A candidatura foi presentada polo Centro de Investigación Interdisciplinaria en Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS) en colaboración co IWA Resource Recovery Cluster no encontro celebrado recentemente en Leeuwarden (Países Baixos).

Tras ter pasado por cidades como Shenzhen (2023), Estambul (2021), Venecia (2019), Nova York (2017) e Gante (2015), a IWA Resource Recovery Conference chega a Santiago co obxectivo de reunir arredor de 500 profesionais, cunha representación equilibrada entre a industria e o ámbito académico, reflectindo o crecente interese por solucións sostibles na xestión de correntes residuais.

O comité organizador estará presidido pola investigadora do CRETUS, Marta Carballa, e contará cun equipo do Centro integrado por Juan M. Lema, Anuska Mosquera, Almudena Hospido, Miguel Mauricio, Mª Ángeles Val, Alberte Regueira e Alba Pedrouso, quen achegarán a súa experiencia en áreas clave como o tratamento e reutilización de augas, a valorización de residuos, a modelización de bioprocesos e a avaliación de impactos ambientais.

En liña co enfoque multidisciplinar de CRETUS, baixo o lema ‘Bringing new value chains to life’, a conferencia abordará solucións circulares para a recuperación de recursos, vías para acadar un impacto no mundo real e alternativas para medir e comunicar os beneficios da recuperación de recursos, entre outros temas. Esta cita perfílase como unha oportunidade para situar CRETUS, Centro da Rede CIGUS co financiado con fondos Europeos, como referente internacional en innovación ambiental e sustentabilidade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.07.2025.