Ir o contido principal

Sarria é o concello do sur da provincia que máis alumnos achega á Universidade de Santiago de Compostela

O IES Xograr Afonso Gómez acolleu unha charla sobre a universidade onde se explicou o seu funcionamento

O director do Gabinete de Comunicación da USC e profesor de Xornalismo, Luis Celeiro, acompañado por Laureano Álvarez, un dos responsables da organización do programa ‘A Ponte entre o ensino medio e a USC’, participaron este venres, día 19, no IES Xograr Afonso de Sarria nunha charla que tiña por obxectivo acercar a universidade aos estudantes de ensino medio.
Segundo o profesor Luis Celeiro, a institución universitaria ten tres funcións principais, “facer docencia, e dicir, a transmisión de coñecemento; en segundo lugar, ten que crear ese coñecemento; e por último, debe poñer o coñecemento ao servizo da sociedade". Celeiro definiu á de Santiago como unha universidade completa que ten docencia nas cinco grandes áreas de coñecemento e que no eido da investigación sitúase no quinto posto das universidades españolas.
Durante o transcurso do encontro, os relatores expuxeron datos de interese sobre o número de matriculados na USC do sur da provincia, entre os que cabe destacar a achega do Concello de Sarria ao campus de Lugo cun total de 206 alumnos este ano. En canto ás titulacións preferidas polos estudantes desta zona destaca a Diplomatura en Ciencias Empresarias cun total de 81 matriculados dos que deste concello lugués son un total de 30. Séguenlle de cerca as titulacións de Técnicas Agrícolas e Forestais.
Á Charla tamén acudiu a estudante de Medicina, Andrea López López, que foi alumna deste instituto sarriano e que lles explicou aos alí reunidos a súa experiencia persoal.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.01.2007.