A semente da agroecoloxía prende no Courel
A semente da agroecoloxía semella ter atopado na serra courelá unha terra fértil para o seu cultivo e produción, tal e como deixa entrever as preto de 40 persoas que formalizaron a súa inscrición na xornada ‘ Agroecoloxía e produción ecolóxica’ que se desenvolverá este sábado 21 de setembro, a partir das 10.00 horas, na Estación Científica do Courel, unhas instalacións da USC con sede na localidade de Seoane.
O director da Estación Científica do Courel, o catedrático da USC Antonio Rigueiro, salientou a excelente acollida deste nova actividade formativa e de divulgación promovida pola USC na serrá courelá e na que participará un público moi heteroxéneo. O programa da xornada, que conta con financiamento da Deputación Provincial de Lugo, comezará ás 10.00 horas e inclúe relatorios e obradoiros.
A profesora Elvira López Mosquera, adxunta á Vicerreitoría de Coordinación do campus de para Investigación, Transferencia e Innovación, abrirá a xornada cun breve acto de benvida ás persoas participantes, unha sesión na que tamén participarán o director da Estación Científica do Courel, o deputado provincial delegado da área de Desenvolvemento Sostible, Roberto Fernández, e a alcaldesa do concello de Folgoso do Courel, Dolores Castro.
As distintas sesións expositivas incluídas no programa desta xornada sobre agroecoloxía e produción ecolóxica prolongaranse en quenda de mañá e tarde e serán impartidas polos profesores Xan Neira, Elena Díaz, Carlos Brea e Belén Díaz, que abordarán nas súas respectivas intervencións, cuestións relacionadas coas vantaxes da agroecoloxía na mitigación e adaptación ao cambio climático, principios básicos e estratexias de agroecoloxía, o solo e a xestión da materia orgánica e a nutrición das plantas, rotación alternativa ou asociación e protección de cultivos, ademais dun obradoiro de prácticas de compostaxe e traballo cultural. As persoas interesadas en obter máis información a través do número de teléfono 600 942 418 ou no enderezo antonio.rigueiro [at] usc.es (antonio[dot]rigueiro[at]usc[dot]es).