O seminario IP Perspectives Galicia formará empresas e persoal investigador galego en patentes e transferencias

O seminario IP Perspectives Galicia alcanza a súa quinta edición coa misión de conseguir maior financiamento e que a innovación galega se transforme en industria e emprego cualificado. Esta é unha actividade formativa de asistencia libre previo rexistro arredor das patentes e a protección de actividos intanxibles que co organizan a Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC e firma de propiedade industrial e intelectual ABG Intellectual Property, coa participación da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN). A xornada celebrarase o 3 de abril no Centro singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS).
Segundo datos oficiais,en 2024 a Oficina Española de Patentes e Marcas recibiu 60 solicitudes de patentes de titularidade galega, oito máis que o ano anterior, o que representa un incremento do 15%. A Coruña foi a provincia de orixe da maioría delas (32), seguida de Pontevedra (22), Lugo (4) e Ourense (2). A estas solicitudes súmanse 66 peticións doutras formas de protección e tamén as solicitudes de patente europea.
Sobre casos de éxito dese modelo, a GAIN moderará unha mesa redonda na que se poderán coñecer proxectos que conseguiron avanzar no proceso de transferencia do coñecemento ata a súa materialización, como o caso de Celtarys Research ou o da tecnoloxía CicloTech. O programa recolle tamén diversos relatorios sobre intelixencia artificial; a correcta sincronización entre os ensaios clínicos e a presentación e contido da solicitude de patente ou como evitar riscos e conflitos en relación á titularidade dos dereitos de propiedade industrial xerados en colaboracións de investigación.