Setenta anos de iconografía artística de José Ángel Valente, nunha mostra en Filoloxía
Ao longo da súa vida, e mesmo despois do seu falecemento, o poeta, narrador, ensaísta e tradutor galego José Ángel Valente (Ourense, 1929-Xenebra, 2000) foi retratado en diversas ocasións e baixo distintas técnicas artísticas (pintura, debuxo, caricatura).
Unha mostra dese material recóllese na exposición Iconografía artística de José Ángel Valente 1955-2024 que dende este martes e ata o 31 de marzo se pode visitar na Facultade de Filoloxía como parte das actividades programadas polo seu 50 aniversario. Estará aberta ao público de luns a venres no 1º andar da facultade, entre as 8.30 e as 20.30 horas.
Esta exposición, comisariada pola doutoranda Laura Paz Fentanes, é unha pequena mostra do material que se conserva na Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética, dirixida por Claudio Rodríguez Fer e creada tras o nomeamento do poeta como doutor honoris causa pola Universidade de Santiago de Compostela en 1999.
Na montaxe poden verse algúns dos retratos realizados a Valente por artistas do seu Ourense natal nos anos cincuenta, como Manuel Prego de Oliver ou Virxilio, pero tamén doutro coterráneo actual, Baldomero Moreiras, que aporta unha obra feita expresamente para esta ocasión. Outros artistas galegos representados son Xosé Freixanes, Xulio Formoso e Sara Lamas, quen ilustrou unha gran cantidade de publicacións sobre Valente. Entre os soportes curiosos nos que se retratou ao poeta figuran a carauta e o coiro.
De fóra de Galicia está representado o pintor Ramón Pérez Carrió, que retratou varias veces a Valente e que ilustrou con gravados unha edición de artista do seu poemario Tres lecciones de tinieblas. Mais tamén abundan os debuxos e as caricaturas do poeta publicadas na prensa española, como é o caso das realizadas por Manuel Mampaso, Michel, Julián Grau Santos, Gusi Bejer, Javier Aguilera e o arxentino Sciammarella, así como un retrato debuxado por Ramón Palmeral.
O material exposto abrangue case setenta anos de arte, pois as pezas foron feitas entre 1955 e 2024, polo que mostran unha gran variedade de xéneros, estilos e técnicas. Mais non sorprende que as artes prestaran atención á figura de Valente, tendo en conta que a súa obra se editou en colaboración cun gran número con artistas plásticos (Tàpies, Saura, Chillida, Rebeyrolle, Pantenheimer, Forteza, Nóvoa, Coral, etc.) e que tratan sobre arte moitos dos seus poemas e dos seus ensaios, como os contidos no libro Elogio del calígrafo.