Silvia Pérez Freire, premio á mellor tese de 2018 sobre violencia contra a muller por un estudo sobre vitimización da trata sexual

A socióloga independente e docente universitaria Silvia Pérez Freire vén de gañar o premio á mellor tese de 2018 sobre violencia de xénero, un galardón concedido polo Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade, pola investigación desenvolvida na USC baixo o título ‘Vitimización da trata sexual: imaxinarios e invisibilización’.
Pérez Freire analiza na súa tese de doutoramento como a prostitución se constitúe como un sistema global de grandes beneficios económicos no que a trata sexual é unha forma máis de captación de continxentes femininos para a súa retroalimentación. De feito, a trata convértese no chivo expiatorio para non afrontar o fenómeno da prostitución e con elo, aspirar a eludir a nosa responsabilidade social co fenómeno.
“A trata sexual como mecanismo de ocultación da prostitución implica outra manifestación da violencia de xénero”, afirma Silvia Pérez Freire, que no segundo cuadrimestre do curso conducirá a materia Políticas de xénero e xestión cultural do marco do Máster Universitario en Servizos Culturais impartido pola USC na Facultade de Humanidades do campus de Lugo.
A investigadora aglutina na súa tese de doutoramento, dirixida por José Luis Pintos de Cea Naharro, preto de 70 testemuñas dos denominados observadores de primeira orde, tales como o son institucións públicas, corpos e forzas xurídicas e policiais (garda civís, policías nacionais, fiscais, etc.), Ong´s de acreditada experiencia na materia, expertas, puteros e vítimas. Esteas achegas ofrecen unha cosmovisión da que se extraen os imaxinarios sociais da prostitución e da trata sexual.
“O non recoñecemento do dano que produce a prostitución nas mulleres xera un estado de indefensión no que se está enquistando a vitimización, invisibilizándoa. Neste proceso non hai tránsito para as vítimas de trata sexual: son invisibles ou hipervitimizanse, o que anula o sentido crítico e ético sobre o fenómeno”, conclúe a investigadora e profesora de Socioloxía na Universidade de Vigo desde hai máis dunha década.
Alén do seu cometido como docente universitaria, Silvia Pérez Freire é socióloga independente que imparte tamén formación en xénero para a Escola Galega da Administración Pública, ademais de consultora técnica en investigación social para diversas Universidades e xestora de proxectos socioculturais a través da empresa Rizoma social, da que é socia fundadora e directora.