O sistema de contabilidade analítica da USC e o Assessment Center da ETSE, distinguidos como boas prácticas universitarias
O sistema de contabilidade analítica da USC (CANOA) e o Assessment Center da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago (ETSE) acaban de obter o recoñecemento da convocatoria de Boas Prácticas en Dirección e Xestión Universitaria 2016 da rede Telescopi (Rede de Observatorios de Buenas Prácticas de Dirección Estratégica Universitaria en Latinoamérica y Europa) en colaboración co Club de Excelencia en Gestión.
A posta en práctica de ambas actuacións na USC ten reportado vantaxes e resultados relevantes a distintos niveis, polo que a posta en común desta experiencia acumulada podería erixilos como posibles referentes a seguir para a mellora tanto dentro da propia institución como para outras universidades. O recoñecemento outorgado pola rede Telescopi baseouse nunha avaliación das dúas prácticas conforme a criterios de excelencia no marco do modelo europeo EFQM, no que se teñen en conta aspectos de liderado e estratexia, responsabilidade social e impacto sobre as persoas e a propia organización.
As boas prácticas seleccionadas nesta convocatoria de 2016 atópanse publicadas no repositorio da rede Telescopi e posteriormente serán publicadas a través da plataforma do Club de Excelencia.
CANOA
A contabilidade analítica é un sistema cuxa principal finalidade é a de proporcionar á organización información relativa aos custes nos que incorre ao elaborar os seus produtos ou prestar o seus servizos. No ámbito universitario, aplícase o modelo CANOA, a través de cuxa implantación a USC dispón dunha potente ferramenta que lle permite analizar en detalle a eficacia, eficiencia e economía de cada unha das actividades realizadas e os recursos destinados ás mesmas.
A análise de resultados obtidos permite reorientar estratexias e argumentalas, á vez que se proporciona un indicador fundamental para o control da xestión. En paralelo, a publicación dos resultados permite avanzar no obxectivo de transparencia dentro e fóra da institución.
Assessment Center
A Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago (ETSE) implantou un Assessment Center (AE) no curso 2008-2009 co obxecto de avaliar as competencias transversais adquiridas polos seus estudantes. Esta técnica é habitual nos procesos de selección, utilizada para medir as características ou variables persoais necesarias para desenvolverse eficazmente nun determinado posto.
O deseño específico desta técnica para a ETSE realizouno o grupo de investigación de Recursos Humanos e Rendemento da USC. Os resultados serven como indicadores para a orientación de accións de mellora relacionadas coa adquisición de competencias transversais.