Os sistemas ECT creados por Pemade co Life EcoTimberCell, premiados no concurso de Ecodeseño do Conama

Os sistemas construtivas ECT promovidos ao abeiro do Life EcoTimberCell, un proxecto europeo coordinado pola Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade) da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus de Lugo da USC, e acaídos para avanzar na loita contra os efectos do cambio climático a través do emprego de elementos ou cellas de madeira que favorecen o uso de materiais sustentables que contribúen á fixación de carbono a longo prazo, veñen de acadar un dos premios do concurso de Ecodeseño Conama 2020. Estes galardóns permiten ao Congreso Nacional de Medio Ambiente distinguir produtos, servizos e modelos de negocio innovadores que reducen o impacto ambiental ao longo do seu ciclo vital.
A utilización de sistemas construtivos EcoTimberCell permitirá ademais a progresiva substitución doutros produtos derivados da Industria de Uso Intensivo de Enerxía na edificación, como é o caso do formigón ou do aceiro, segundo puxo de manifesto Begoña Jiménez de Urquía, de Pemade, na presentación do proxecto diante do xurado encargado de fallar os premios de Ecodiseño do Conama 2020.
Outros dos valores engadidos que aportan os sistemas construtivas ECT desenvolvidos por Pemade no marco do Life EcoTimberCell reside na súa particular contribución á promoción da xestión forestal sostible, xa que os sistemas ETC teñen como base madeira local certificada dos montes do Noroeste da Península Ibérica. Este aspecto foi outro dos argumentos esgrimidos por Jiménez de Urquía, quen integra, xunto con Andreina Vargas e Daniela Lourenço , dúas enxeñeiras egresadas da EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC, a spin-off EcoTimberSoul, que se ocupará da comercialización deste produto.
O tribunal do concurso de Ecodeseño do Conama 2020, que fixo público o seu fallo no marco do Congreso Nacional de Medio Ambiente celebrado en Madrid, tivo en conta á hora de emitir determinar as candidaturas gañadoras, tanto na categoría de grandes empresas, como na de pemes e autónomos, a capacidade innovadora das propostas, así como a súa contribución á redución de impacto ambiental, o nivel de uso e os resultados acadados.
Unha vez completada a fase de exposición e logo das deliberacións oportunas, o xurado desta terceira convocatoria do certame, premiou, ademais dos sistemas construtivos ECT, a proposta Recyycle, orientada á reparación de produtos de plástico; Mascarillas Arpe, que deseña, fabrica e personaliza desde Barcelona máscaras hixiénicas reutilizables con enerxía 100% renovable, e a Empresa Municipal de Augas da Coruña S. A. (Emalcsa), polo proxecto BIALAC, a través do que pretende a valorización de subprodutos del soros da industria láctea e dos lodos de las depuradoras de auga urbana.
Os premios do certame Conama 2020, a cuxa fase final concorrían nesta ocasión oito candidaturas nacionais e internacionais, carecen de dotación económica, pois a súa finalidade pasa por ser un recoñecemento público, a través do que o propio sector achega visibilidade a produtos, servizos e modelos de negocio innovadores que apostan por reducir o impacto ambiental no seu ciclo de vida, tal e como se recolle nas bases da convocatoria.
